Rábade acolle un novo paseo guiado do programa Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa

Este sábado, 26 de abril, celebrarase en Rábade a segunda parada do ciclo de rutas Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa sen Fronteiras, cun paseo guiado de 6 km de distancia e percorrido circular. A actividade estará conducida pola guía Carmen Delia Díaz e desenvolverase entre as 11:00 e as 14:00 horas.
O punto de encontro será na Casa das Insuas (Rúa José Pardo, 20 – Rábade), e as prazas son limitadas, polo que é necesario anotarse previamente chamando ao 982 238 000 ou enviando un correo electrónico a info@comarcalugo.gal.
Este paseo forma parte dun programa organizado polo Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa, financiado pola Axencia de Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia. Contará coa colaboración do Concello de Rábade e da Panadería do Cantón, que ofrecerá unha degustación dos seus produtos ao rematar a actividade.
Esta iniciativa busca poñer en valor os recursos naturais e culturais da comarca, promovendo un turismo sostible e de proximidade.