Rábade acollerá a II Foliada de Primavera, Axeigada

O vindeiro 22 de marzo, o Centro Sociocultural de Rábade converterase no epicentro da música e a tradición galega coa celebración da segunda edición da Axeigada, a II Foliada de Primavera.
O evento, organizado pola agrupación folclórica Axeigo coa colaboración do Concello de Rábade e a Asociación Fillos do Chaira, incluirá unha ampla programación con obradoiros, sesión vermú, cantos de taberna e concertos, ademais da tradicional foliada aberta, onde músicos e asistentes poderán gozar dunha xornada de festa e cultura popular.
Desde Axeigo, os organizadores esperan "unha gran acollida desta segunda edición da Axeigada, xa que a primeira foi todo un éxito. Sorprendeunos a cantidade de xente que veu desfrutar a Rábade e esperemos que este ano veña máis".
Así, destacan que este ano aumenta tanto a programación como a duración da xornada, comezando ás 13.00 horas coa sesión vermú e o acompañamento de dous grupos. Os cantos de taberna, pola súa parte, serán de 19.00 a 22.00 horas, como o ano pasado, e tamén haberá tres concertos, unha cifra que aumenta significativamente, xa que o ano pasado só actuou un.
Con respecto aos obradoiros, desenvolveranse tres durante a xornada no centro sociocultural: un de iniciación ao baile ás 12.00 horas, outro de manipulación de palletas ás 16.30 horas, e outro de canto e percursión, tamén ás 16.30 horas.
Desde a organización animan a toda a veciñanza e visitantes a estar atentos ás vindeiras publicacións para coñecer máis detalles sobre esta celebración que promete encher Rábade de música e baile tradicional.