Rábade aplica cambios na circulación arredor do Campo da Feira

LugoXa | TerraChaXa
O Concello solicita á veciñanza que preste especial atención á nova sinalización
trafico-rabade
18 Nov 2025

O Concello de Rábade puxo en marcha unha reordenación do tráfico no entorno do Campo da Feira, en cumprimento da Ordenanza de Circulación. A medida afecta a catro rúas da zona, que pasan a ter un único sentido de circulación e nas que se restrinxe o acceso desde determinados puntos.

A Rúa Músico Crisanto queda establecida como vía de sentido único, prohibíndose a entrada dende a Rúa Campo da Feira. A mesma medida aplícase na Rúa Xosé Penas Magdalena, onde xa non se poderá acceder dende a Avenida da Coruña. Pola súa banda, na Praza Castelao restrínxese a entrada desde a Rúa Campo da Feira no sentido cara a Xosé Penas.

Ademais, a Rúa Rosalía de Castro tamén pasa a ser de dirección única, quedando prohibido o acceso dende a Avenida de Galicia. O Concello solicita á veciñanza que preste especial atención á nova sinalización e lembra que estes cambios buscan mellorar a seguridade e a fluidez viaria na contorna do Campo da Feira.

⚙ Configurar cookies
0.06969690322876