Rábade arranca este xoves co Máster de futbolín, no que haberá 567 equipos

TerraChaXa | LugoXa
A sesión arrancará cun desfile conmemorativo polas rúas da vila do primeiro futbolín que chegou a Rábade, no ano 1952, para celebrar os 30 anos desta cita de Semana Santa.
master futbolin rabade presentacion
27 Mar 2024

A sesión arrancará cun desfile conmemorativo polas rúas da vila do primeiro futbolín que chegou a Rábade, no ano 1952, para celebrar os 30 anos desta cita de Semana Santa.

O Máster Nacional de Futbolín de Rábade, que este ano chega á vixésimo quinta edición, arranca este xoves, ata o domingo, nas datas previstas coincidindo, como é tradición, coa festividade da Semana Santa.

Para celebrar este aniversario tan especial, a organización ten previsto realizar un desfile conmemorativo co primeiro futbolín que chegou a Rábade, concretamente no ano 1952 ao bar Eliseo. A procesión sairá desde a praza, xunto ao Bar 22 e chegará ao pavillón do IES Río Miño. Será o propio xoves a partir das 16.30 horas.

Des xogadores rabadenses levarán a mesa de xogo a ombreiros acompañados de estandartes, numerosos campións cos seus trofeos e algunha sorpresa máis, todo ao ritomo dunha batukada con Batu Cadabatú.

Unha vez finalizada dará comezo a competición na que se aumentou a contía e o número dos premios e engaden algún trofeo individual máis polo que repartirá 15.000 euros e 137 trofeos, case 5.000 euros máis que na edición anterior. Cumprindo as previsións, superaranse de novo as 300 parellas participantes, en especial polo volume dos premios e ao tratarse dun aniversario especial. Así están rexistrados 567 equipos, 300 en movemento, 235 en parado e 32 femininos.

Como en anteriores edicións, haberá cinco modalidades de xogo e tres niveis e xogarase en tres locais, no Salón Papyrus, no IES Río Miño e no CEIP Otero Pedrayo.

O Gran Máster Nacional de Futbolín repartirá para os de movemento e en parado oito premios desde os 1.600 aos 100 euros ademais do trofeo. O resto de premios, oscilarán entre os 600 e os 25 euros. Aumentan o apartado feminino, no que as gañadoras recibirán 800 euros e haberá premio para oito parellas.

Ademais os trofeos serán diferentes xa que se elaboran para cada torneo e terán un deseño exclusivo e orixinal.

Tamén contarán de novo co trofeo Alejandro Finisterre, para o xogador máis regular; o trofeo Concello de Rábade para o mellor xogador e o trofeo David García, para o mellor porteiro. Continúan tamén o trofeo Xunta de Galicia ao mellor xogador da comunidade autónoma, o trofeo Bola Meiga á amistade, o trofeo Peña Rábade Futbolín á peña máis participativa; o trofeo Galicial ao mellor xogador da provincia de Lugo, e o trofeo Merchi á mellor xogadora. Con este último quérese ofrecer unha homenaxe a unha das primeiras gañadoras que aportou moito ao futbolín. Engádese o Trofeo JMCR, ao Máster Leyenda.

Nesta gran festa do futbolín colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo (Vicepresidencia), a mocidade local e o Concello de Rábade.

0.2189040184021