Rábade celebra o sábado a III Foliada de Primavera, Axeigada

LugoXa | TerraChaXa
O evento, organizado pola agrupación folclórica Axeigo, incluirá obradoiros, sesión vermú, cantos de taberna e concertos, ademais da tradicional foliada aberta
presentacion-axeigada
5 Mar 2026

Este sábado, 7 de marzo, Rábade converterase no epicentro da música e da tradición galega coa celebración da Axeigada, III Foliada de Primavera, unha cita xa consolidada no calendario cultural da comarca. O evento, organizado pola Agrupación Folclórica Axeigo coa colaboración do Concello de Rábade e doutras entidades e colectivos locais, desenvolverase ao longo de toda a xornada cun completo programa de actividades que combina formación, música, baile e convivencia arredor da cultura popular galega.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a organización e, durante a presentación, a deputada de Cultura Iria Castro destacou que “é unha boa mostra da importancia da capacidade dinamizadora do tecido asociativo arredor da música tradicional que temos en toda a provincia. O seu traballo é clave na difusión da nosa música e tamén na dinamización das parroquias e concellos”.

A colaboración coa Axeigada de Rábade encádrase na rede de apoio que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrece a festivais e foliadas promovidos polo tecido asociativo para fomentar a presenza da música galega e en galego en eventos musicais por todo o territorio da provincia.

A xornada comezará ás 12.00 horas coa celebración dos primeiros obradoiros. Miguel Carballo será o encargado de impartir unha sesión de iniciación ao baile tradicional, centrada nesta edición no maneo, unha das variantes da xota propia do norte da provincia da Coruña. De maneira paralela, Manuel Santín ofrecerá un obradoiro de cantos de taberna, unha proposta pensada para recuperar e poñer en valor as melodías e os ritmos que durante décadas acompañaron a vida social nas tabernas galegas. Ambos obradoiros terán lugar no Centro Sociocultural de Rábade e contan cun prezo de 10 euros.

Ás 13.30 horas chegará a sesión vermú, na que a música correrá a cargo da Charanga Benofán e do grupo Os Basaduriños, que animarán o mediodía cun ambiente festivo e popular.

Pola tarde retomaranse os obradoiros ás 16.30 horas. Nese horario, Artur Puga, profesor de baile e director do proxecto Seis por Oito, impartirá unha clase dirixida a bailadores con certa experiencia baixo o título Polavila na montaña: entre Navia, Cervantes e o val de Ancares. A proposta ofrece unha aproximación aos pasos e ás estruturas do baile tradicional da comarca dos Ancares, atendendo tamén aos factores demográficos e orográficos que influíron na música e no xeito de bailar desta zona. Ao mesmo tempo, Pepe Vaamonde presentará unha introdución ao mundo da composición para gaita galega, unha proposta orixinal na que se abordarán as relacións entre a lingua e a linguaxe musical, a análise das formas e motivos rítmicos de xéneros como a xota ou a muiñeira, así como o xogo e a improvisación como elementos clave da creatividade musical.

Ás 19.00 horas terá lugar unha nova sesión de cantos de taberna, aberta á participación dos asistentes, antes de dar paso aos concertos nocturnos. A partir das 22.30 horas subirán ao escenario Murga Cántigas e Frores, Lina e Lola e Enxebres de San Lázaro, nunha noite que promete encher Rábade de música tradicional. A xornada pecharase xa de madrugada, ás 01.30 horas, coa foliada aberta, un dos momentos máis agardados, no que músicos e público compartirán baile e música ata ben entrada a noite.

Consulta o programa neste enlace

0.13554191589355