Rábade completa o programa da III Foliada de Primavera, Axeigada

LugoXa | TerraChaXa
O evento, organizado pola agrupación folclórica Axeigo, incluirá obradoiros, sesión vermú, cantos de taberna e concertos, ademais da tradicional foliada aberta
Axeigo-Rábade
21 Feb 2026

O vindeiro 7 de marzo, Rábade converterase no epicentro da música e da tradición galega coa celebración da Axeigada, III Foliada de Primavera, unha cita xa consolidada no calendario cultural da comarca. O evento, organizado pola Agrupación Folclórica Axeigo coa colaboración do Concello de Rábade e doutras entidades e colectivos locais, desenvolverase ao longo de toda a xornada cun completo programa de actividades que combina formación, música, baile e convivencia arredor da cultura popular galega.

A xornada comezará ás 12.00 horas coa celebración dos primeiros obradoiros. Miguel Carballo será o encargado de impartir unha sesión de iniciación ao baile tradicional, centrada nesta edición no maneo, unha das variantes da xota propia do norte da provincia da Coruña. De maneira paralela, Manuel Santín ofrecerá un obradoiro de cantos de taberna, unha proposta pensada para recuperar e poñer en valor as melodías e os ritmos que durante décadas acompañaron a vida social nas tabernas galegas. Ambos obradoiros terán lugar no Centro Sociocultural de Rábade e contan cun prezo de 10 euros.

Ás 13.30 horas chegará a sesión vermú, na que a música correrá a cargo da Charanga Benofán e do grupo Os Basaduriños, que animarán o mediodía cun ambiente festivo e popular.

Pola tarde retomaranse os obradoiros ás 16.30 horas. Nese horario, Artur Puga, profesor de baile e director do proxecto Seis por Oito, impartirá unha clase dirixida a bailadores con certa experiencia baixo o título Polavila na montaña: entre Navia, Cervantes e o val de Ancares. A proposta ofrece unha aproximación aos pasos e ás estruturas do baile tradicional da comarca dos Ancares, atendendo tamén aos factores demográficos e orográficos que influíron na música e no xeito de bailar desta zona. Ao mesmo tempo, Pepe Vaamonde presentará unha introdución ao mundo da composición para gaita galega, unha proposta orixinal na que se abordarán as relacións entre a lingua e a linguaxe musical, a análise das formas e motivos rítmicos de xéneros como a xota ou a muiñeira, así como o xogo e a improvisación como elementos clave da creatividade musical.

Ás 19.00 horas terá lugar unha nova sesión de cantos de taberna, aberta á participación dos asistentes, antes de dar paso aos concertos nocturnos. A partir das 22.30 horas subirán ao escenario Murga Cántigas e Frores, Lina e Lola e Enxebres de San Lázaro, nunha noite que promete encher Rábade de música tradicional. A xornada pecharase xa de madrugada, ás 01.30 horas, coa foliada aberta, un dos momentos máis agardados, no que músicos e público compartirán baile e música ata ben entrada a noite.

Desde a organización, Axeigo manifesta a súa intención de repetir a gran acollida das edicións anteriores e anima tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a participar nunha celebración que busca manter viva a tradición, fomentar a transmisión cultural e converter Rábade, por un día, nun punto de encontro para amantes da música e do baile galego.

Consulta o programa neste enlace

0.080054998397827