Rábade contará cunha terceira edición do festival Entrepontes o 24 de maio

O colectivo Fillos do Chaira de Rábade vén de convocar a celebración da terceira edición do festival que se desenvolverá na localidade en maio baixo o título Festival Entrepontes.
A data escollida foi o día 24 de maio para unha cita coa música que será gratuíta para os asistentes e que tivo un gran éxito nas dúas edicións pasadas e que mantén a data de celebración.
A primeira confirmación do festival é o grupo Biznaga, unha das bandas máis contundentes e influentes do punk-rock nacional, que chega a Rábade para arrasar coa súa enerxía e converter o escenario de Entrepontes en pura adrenalina,.
Tamén está confirmada xa participación de Catuxa Salom, caracterizada por unha fusión do folk, a electrónica e os ritmos tribais latinoamericanos.
Segundo avanzou a organización, o festival contará cunha xornada chea de actividades e moitas máis actuacións, que irán coñecendo a medida que avancen as semanas.