Rábade contrata tres traballadores para reforzar a limpeza da vila

O Goberno local do Concello de Rábade vén de reforzar os traballos de limpeza e acondicionamento de rúas e camiños coa contratación de tres traballadores.
En concreto, a primeira contratación levouse a cabo a finais do mes de maio a través do Plan de Cooperación cos Concellos. A mediados de xuño incorporáronse dous efectivos máis do Plan Aprolrural 2025. Teñen a encomenda da limpeza de rúas e camiños, labores que xa se están a desenvolver en diversos espazos públicos do Concello de Rábade, como informan desde o Goberno local.
Os traballos priorizan aquelas zonas nos que o crecemento da biomasa é maior, como beiravías e zonas verdes, así como as zonas máis transitadas polos veciños e veciñas. "A intención é cubrir todo o territorio municipal para conseguir uns espazos públicos coidados e nos que poder desfrutar do tempo de ocio", dixeron.