Rábade convoca a III Foliada de Primavera, Axeigada

LugoXa | TerraChaXa
O evento, organizado pola agrupación folclórica Axeigo, incluirá obradoiros, sesión vermú, cantos de taberna e concertos, ademais da tradicional foliada aberta
Axeigo-Rábade
3 Feb 2026

O vindeiro 7 de marzo, o Centro Sociocultural de Rábade converterase no epicentro da música e a tradición galega coa celebración da terceira edición da Axeigada, a III Foliada de Primavera.

O evento, organizado pola agrupación folclórica Axeigo coa colaboración do Concello de Rábade e a Asociación Fillos do Chaira, incluirá unha ampla programación con obradoiros, sesión vermú, cantos de taberna e concertos, ademais da tradicional foliada aberta, onde músicos e asistentes poderán gozar dunha xornada de festa e cultura popular, tal e como avanzou a organización.

Si se anunciou que ao igual que na edición anterior, Miguel Carballo impartirá un obradoiro de iniciación ao baile, desta volta centrado no maneo, ideal para comezar a comprender esta variante da jota propia do norte da Coruña.

Como novidade, Manuel Santín ofrecerá un obradoiro de cantos de taberna, pensado para redescubrir as melodías e ritmos que acompañaron durante décadas a vida nas nosas tabernas.

Os dous serán ás 12.00 horas no Centro Sociocultural e teñen un prezo de 10 euros.

Pola tarde tamén haberá obradoiros. Este ano Pepe Vaamonde trae unha proposta moi orixinal. Unha introdución ao mundo da composición na que se tratarán as similitudes entre a Lingua e a linguaxe da música, un breve análise da forma musical e dos motivos rítmicos das nosas cancións (xota, muiñeira etc.) e o xogo e a improvisación como elemento fundamental na creatividade. Será ás 16.30 horas.

Tamén contarase cun obradoiro impartido por Artur Puga. Profesor de baile e director do proxecto @seisporoito. Nesta ocasión impartirá unha clase para bailadores con certa experiencia: Polavila na montaña: entre Navia, Cervantes e o val de Ancares.

Este obradoiro ofrece unha aproximación aos pasos e estruturas do bailar da comarca dos Ancares, comprendendo tamén os factores demográficos e orográficos que influíron no bailar e na música desta zona. Será ás 18.30 horas.

Desde Axeigo, os organizadores esperan repetir "a gran acollida das edicións anteriores" e anunciou que avanzará o programa durante este mes.

Desde a organización animan a toda a veciñanza e visitantes a estar atentos ás vindeiras publicacións para coñecer máis detalles sobre esta celebración que promete encher Rábade de música e baile tradicional.

Consulta o programa neste enlace

⚙ Configurar cookies
0.28913307189941