"Rábade debe o seu desenvolvemento á súa posición xeográfica e de comunicacións"
O rabadense Manuel Lage escolleu a súa vila natal para presentar o seu novo libro, Rábade Comercial. Calzada, camino y vía no centro sociocultural da localidade. O autor desta obra estivo acompañado na presentación por Pepe Coira e Ermitas Penas. Este especilista na automoción explica os incentivos que tivo para facer a súa publicación así como a súa experiencia vital.
Manuel Lage Marco é natural de Rábade, nado en 1949. É doutor enxeñeiro Industrial pola ETS de Bilbao e a de Madrid, e enxeñeiro de Motores pola École Supérieure des Moteurs de París. Desenvolveu toda a súa traxectoria profesional no sector de automoción en Chrysler España, Pegaso e Iveco; en España, UK e Italia. É cofundador e secretario xeral da Asociación Española de Profesionais de Automoción (ASEPA) e profesor dos máster de Automoción do INSIA e da UEM. Como historiador do automóbil en España é autor dos varios libros de investigación.
Cóntenos un pouco o contido do libro.
Teño que empezar dicindo que desde moi pequeno interesáronme moito os coches e os camións, ata o punto que aquilo determinou en min a decisión de estudar enxeñería industrial para “traballar nos coches”. Eu lémbrome perfectamente de todos os coches e camións que había por Rábade nos anos 60, que tampoco eran moitos. Estudiei a carreira en Bilbao. Despois aínda fixen un ano de especialización en motores na Escola Superior de Motores de París. A partir de aí tiven a gran sorte de empezar a miña vida profesional na Chrysler España (antiga Barreiros), despois na Pegaso e na Iveco. Podo dicir que profesionalmente cumprín o desexo de pequeno: traballar no mundo dos motores e dos camións.
Nos meus primeiros anos na Pegaso tiven acceso a documentación antiga que se remontaba aos tempos da Hispano Suiza e que estaba abandonada e con perigo de ir todo a parar no lixo. En paralelo co meu traballo na Enxeñería de Motores, fun recopilando e ordenando moita documentación e tamén restaurando motores antigos que ían ser achatarrados. Aquello foi o inicio do que logo sería o Centro histórico Hispano Suiza-Pegaso, baixo a miña responsabilidade. O meu grande interés era rescatar unha parte importante da nosa historia industrial e deixala escrita para que no se perdera.
Ao longo dos anos escribín varios libros sobre a historia dos camións Hispano Suiza e Pegaso, a historia do automóbil en España, os motores de aviación Hispano Suiza e outros, sempre centrados na nosa historia motorística, non ben coñecida polas novas xeracións.
Como xurdiu a idea de escribilo?
A idea de escribir sobre Rábade non foi algo que me viñera de repente, porque cando escribía a historia dos camións Pegaso, víñanme á mente aqueles camións que eu recordaba que tivera a Frigsa de Lugo e a entón Empresa Nacional Calvo Sotelo de Puentes de García Rodríguez, como se chamaba no tempo, que traían o Nitramón Cálcico (el abono del campo gallego) á estación de ferrocarril de Rábade. Aqueles eran os primeiros camións novos que se vían porque a maioría eran moi vellos, de antes da Guerra Civil, aos que se lle ían cambiando os motores de gasolina polos novos Barreiros Diésel.
Entón pensei en rebuscar datos e fotos dos coches e camións que habían en Rábade nos anos 50 e 60, con idea de ter eu un pequeño arquivo daquelo que lembraba. En paralelo con esto eu tamén estaba buscando de recompoñer a historia familiar, porque meu avó materno viñera da provincia de León a establecérase en Rábade en 1902 como maestro botero, facendo e reparando botas e pelexos de viño. Isto levoume a estudar un pouco máis un feito casi esquecido que foi o estabelecemento dos comerciantes maragatos en Galicia, unha vez que o ferrocarril puxo fin ao transporte a lomos de mulo e en carretas de bois, que era unha actividade dominada polos arrieiros maragatos, que logo se foron asentando e estabelecendo nos distintos pobos nos que facían os seus negocios.
Entón falei co noso alcalde Quico e conteille o que estaba facendo, inmediatamente díxome que a edición sería a cargo do Concello de Rábade e que completara os traballos incluído todo o que tivera do comercio de Rábade nos anos 50 e 60. E tamén remontándome no tempo coa idea de ter un libro o máis completo posible da nosa historia.
Desde un percorrido histórico do libro. Como cambiou a vila de Rábade nos últimos anos?
O título do libro responde en parte ao percorrido histórico, porque Rábade debe o seu desenvolvemento á súa posición xeográfica e de comunicacións. No tempo dos romanos, a Calzada XXI unía Astúrica Augusta (Astorga), Lucus Augusti (Lugo), Brigantium (Betanzos) a Coronium (Coruña) pasando por Rábade, e deste tempo data a ponte Vella, que sería ampliada en séculos posteriores.
O plan de Caminos Reales establecido en 1752 polo Marqués da Ensenada, contemplaba o Camino Real de Galicia pasando por Rábade, que sería a primeira versión das estradas radiais.
Finalmente o ferrocarril Palencia-A Coruña, inaugurado en 1883 tamén pasou por Rábade, aínda que a estación non se construíu ata 1904. O título Rábade comercial. Calzada, camino y vía pretende ser a síntese desta historia das vías de comunicación que pasan por Rábade.
"Unha idea que estamos considerando é a de reunir toda a nova documentación que vaia aparecendo nestes próximos tres anos e facer unha edición facsímil para o centenario".
Non é o seu primeiro libro. Ten publicacións sobre a historia do automóbil. Como desperta este aspecto da historia o seu interese?
Como autor eu considérome historiador do automóbil, centrado nas marcas españolas, con varios títulos publicados. Teño que decir que tres deles conseguiron o premio internacional Nicolas Cugnot Award da Society of Automotive Historians americana como mellor libro escrito en lingua non inglesa, nos anos 2009, 2017 e 2019.
O meu interese no pasado automobilístico español foi sempre deixar escrita e documentada unha historia que foi tan importante coma a de calquera outro país da nosa contorna, pero que hoxe resulta moi descoñecida para as novas xeracións. Xa queda dito que este libro sobre Rábade ten a orixe no meu interés en documentar o parque automobilístico rabadense dos anos 50 e 60, que eu tiña na memoria.
Cales son os fitos máis destacados da historia do automóbil en España?
Podemos empezar con un dato: Desde o inicio do automobilismo ata hoxe, en España creáronse máis de 120 marcas de automóbiles, camións e autobuses. A Hispano Suiza de Barcelona, creada en 1904 fixo o motor de aviación que deu a ventaxe definitiva da aviación aliada na 1º guerra mundial. Construiuse baixo licencia en 15 países, incluidos EE.UU., Inglaterra, Francia, Italia, etc. reportando a empresa española un inxente capital en cobro de licenzas. A HS chegou a ser a marca de automóviles de luxo máis recoñecida en Europa nos años 20 de posguerra europea.
Nos anos 20 había en España cerca de 20 marcas de coches en activo. Despois da guerra civil os feitos máis representativos foron a creación por parte do INI (Instituto Nacional de Industria) da Enasa, para fabricar os camións Pegaso e a SEAT, que serían privatizadas nos anos 80 e 90.
Que vinculación ten Galicia con esta historia?
A presenza de Galicia na historia do automóbil en España é importante. Barro-Chavín, unha empresa que segue viva, pero con outro nome e dedicada a outras actividades foi o representante da francesa De Dion Bouton e nos años 10 e despois da Guerra civil construiu turismos e camións coa marca De Dion-Barro. En paralelo foi un dos mais prestixiosos carroceiros de autobuses de luxo nos anos 60 e 70.
En Santiago nos años 30 existiu a Empresa Bruzos, que tiña liñas de autobuses e construía os seus propios vehículos. Algo moi pouco coñecido é o primeiro automóbil arxentino, construído en 1907 por Manuel Iglesias López, un emigrante galego de Vila de Cruces que traballaba nos talleres do ferrocarril arxentino na vila de Campana. O seu mérito no é só ter feito o Mataperros, nome que lle quedou por ter atropellado un can, senón porque antes de facer o seu coche, primeiro tivo que construír a ferramenta, incluido un torno.
Hoxe en día, a primeira empresa por tamaño é a Citroën de Vigo, pero temos outros importantes exemplos como as Carrocerías Castrosua de Santiago e a UNVI de Ourense.
Outra historia curiosa foron as carrocetas da Pontenova, nacidas transformando as autocarretas OM que viñeron coas tropas italianas á Guerra Civil e que logo deron lugar á fábrica MAFSA, máis tarde IPV.
Aínda que a gran fábrica construiuse en Villaverde, non cabe duda que o máximo exponente da industria automobilística galega foi o ourensán Eduardo Barreiros, creador da súa propia marca de camións, que logo fabricou tamén coches Simca e Dodge, ata a compra da empresa pola americana Chrysler. Quero apuntar aquí que o meu último libro é Barreiros. Historia completa, que teño terminado pero aínda non publicado.
Pero o exemplo máis significativo da iniciativa industrial no automóbil en Galicia é sen dúbida a empresa Urovesa de Santiago de Compostela, fabricante dos vehículos militares URO VAMTAC (Vehículo de Alta Movilidad TACtico), totalmente proxectados e construídos en Santiago e que hoxe prestan servizo en moitos exércitos de Europa, Asia, África e América. A Urovesa está tamén fabricando camións civís moi especiais para a recollida de lixo en rúas estreitas, que se acaban de presentar na feira Tecma de Madrid con tracción eléctrica, de gas natural ou diésel.
Nado en Rábade pero leva moitos anos fóra. Rábade segue presente na súa vida?
Hei de decir que teño casa en Rábade e que máis ou menos regularmente imos por alí. Para definir a presenza de Rábade na niña vida direi o que me dixo o meu fillo hai algún tempo: “Tú saliste de Rábade, pero Rábade no salió de ti”.
Cal é o seu próximo proxecto?
Falando de Rábade hai que decir que no 2025 cumprirase un século da creación do Concello de Rábade en maio de 1925. A publicación de Rábade comercial. Calzada, camino y vía despertou un gran interese por recuperar documentos, fotos e referencias antigas da nosa vila. Unha idea que estamos considerando é a de reunir toda a nova documentación que vaia aparecendo nestes próximos tres anos e facer unha edición facsímil para o centenario.