Rábade e Negueira acollerán un obradoiro de apicultura sostible en setembro e outubro

A Casa das Insuas, en Rábade, será un dos escenarios principais do obradoiro de apicultura sostible promovido polo proxecto CAPRIF-CC. A iniciativa desenvolverase en dúas quendas: a primeira terá lugar o venres 26 e sábado 27 de setembro na Casa das Insuas, e o domingo 28 no espazo El País del Abeyeiro, en Negueira de Muñiz. A segunda convocatoria celebrarase tamén en Rábade os días 24, 25 e 26 de outubro.
O obradoiro pretende achegar ás persoas participantes os coñecementos básicos para unha apicultura respectuosa co medio, fomentando prácticas sostibles que contribúan á conservación da biodiversidade.
As inscricións estarán abertas ata o 24 de setembro a través dos formularios dispoñibles nas páxinas web da Asociación Galega de Custodia do Territorio e do propio proxecto CAPRIF-CC.
Esta actividade conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.