Rábade entrega a auditoría para o plan de actuación para minimizar as perdas de auga

O Goberno local do Concello de Rábade vén de facerlle entrega a Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, da Auditoría de abastecemento e Plan de actuación para minimizar as perdas de auga da localidade. O documento, financiado integramente pola Xunta de Galicia, é a folla de ruta do Concello de Rábade para levar a cabo as melloras necesarias para optimización do servizo de subministro de auga municipal.
O Concello de Rábade abastécese a partir dunha captación existente en Outeiro de Rei, procedente do río Ladra e é neste municipio no que leva a cabo o seu tratamento. En canto aos contadores de auga, a maioría dos existentes teñen unha antigüidade superior aos 20 anos, polo que sería convinte a súa actualización.
O Plan de actuacións enviado a Augas de Galicia propón levar a cabo oito medidas concretas nos vindeiros catro anos, momento no que habería que facer unha nova auditoría do sistema de abastecemento.
As medidas son: a instalación de contadores en todas as fontes de auga potables públicas de cara a reducir o seu consumo; a instalación de contadores nos edificios municipais que non dispoñan deste sistema para rexistrar a auga consumida; controlar o número de clientes non facturados; a inspección para detectar conexións ilegais; a instalación de novos depósitos para controlar as perdas de auga; a instalación de elementos de medidas de caudal en todos os depósitos; a renovación de tubaxes de fibrocemento por polietileno nalgunha rúa, así como medidas de mellora na ETAP, como un decantador ou un novo sistema de filtración.
As medidas propostas ascenden a un orzamento superior ao millón de euros.
A propia auditoría precisa que o importe supón “un custo económico elevado para a capacidade de investimento do Concello de Rábade”, polo que “sería convinte recorrer ao financiamento doutras entidades”, así como a posibles subvencións doutras administracións.