Rábade escolle aos gañadores da campaña Merca no teu comercio

Esta mañá tivo lugar na sede da Federación Galega de Comercio o sorteo ante notario dos 1.000 euros en premios correspondentes á sexta campaña de Merca no teu comercio na provincia de Lugo, iniciativa de dinamización do comercio de proximidade que se desenvolveu entre o 15 e o 30 de agosto na localidade de Rábade.
Esta campaña está organizada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso da Asociación de Comerciantes de Rábade. O obxectivo principal é estimular as vendas nos municipios rurais da provincia de Lugo, achegar aos clientes aos comercios e dinamizar o sector.
A participación nesta iniciativa foi moi satisfactoria, rexistrándose un total de 1.635 tickets, pertencentes a compras realizadas nesta localidade lucense.
Hoxe ante o notario José Manuel López Cedrón sorteáronse 1.000 euros, repartidos en 20 tarxetas prepago de 50 euros, que serán entregadas aos gañadores nun acto a celebrar o vindeiro 22 de setembro, luns, ás 13.30 horas, no Campo da Feira de Rábade. Os gañadores, que serán contactados pola organización, deberán empregalas en compras no comercio retallista da localidade onde se realizou a campaña. O listado completo pode consultarse en www.mercanoteucomercio.com.