Rábade fará o concurso de disfraces de Entroido o martes 13

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Rábade vén de facer públicas as bases do seu tradicional concurso e desfile de disfraces, que se vai celebrar o vindeiro martes 13 de febreiro a partir das 17:00 horas na Praza de España.
2 Feb 2024

O Concello de Rábade vén de facer públicas as bases do seu tradicional concurso e desfile de disfraces, que se vai celebrar o vindeiro martes 13 de febreiro a partir das 17:00 horas na Praza de España.

Establece dúas categorías, comparsas (adultos e infantís) e parellas ou Individuais (adultos e infantís).

A participación queda aberta a todas as asociacións, colexios, persoas e colectivos que o desexen. A inscrición dos participantes farase o mesmo día 13 dende ás 16:00 horas ata as 16:45 horas, achegando o nome do disfrace ou comparsa, nome, apelidos e D.N.I.

Considérase comparsa aquelas nas que participen un mínimo de tres persoas maiores, todas elas, de 17 anos en adiante ou aquelas comparsas que non reúnan os requisitos para entrar na categoría de infantís.

Considérase comparsa infantil aquelas nas que participen un mínimo de tres persoas nas que as catro quintas partes sexan menores de 17 anos.

Parellas ou individuais: participantes nas dúas categorías (adultos e infantís), que pola súa condición requiran presentarse xuntos e teñan a temática do seu disfrace relacionada. No caso de que a parella estea formada por un adulto e un nen@ entrará na categoría Infantil.

Adultos son participantes a partires de 17 anos e infantís os menores de 17 anos.

A cualificación dos participantes será determinada polo xurado do concurso que estará formado por un/unha representante do Concello e 3 persoas integrantes de diferentes Asociacións do Concello de Rábade.

Cada membro do xurado cualificará de 1 a 5 puntos cada comparsa, parella e individual tanto da categoría adulta coma infantil, tendo en conta o deseño dos traxes, a imaxinación, a orixinalidade, e a simpatía e posta en escena dos participantes. No caso de empate a puntuación do representante do Concello considerarase como dobre.

PREMIOS

Os premios en todas as categorías agás comparsas adultos serán de 100 euros para o gañador de cada categoría e o segundo recibirá 80. Os terceiros serán de 60 para as comparsas infantís e 50 para os individuais. Ademais, haberá un cuarto premio nos grupos dos pequenos, de 40 euros.

As comparsas de adultos serán premiadas con 300, 200 e 100 euros.

A entrega de premios terá lugar o mesmo día da celebración do concurso unha vez rematado o fallo do xurado.

O concurso de disfraces estará amenizado polo Dúo Eclipse. Ao remate haberá degustación de sobremesas típicas do Entroido.

A maiores, o luns día 12 haberá unha Festa Infantil a partir das 17:00 horas no Centro Sociocultural de Rábade con música, xogos, merendas para todos e todas e moita diversión.

O Goberno local organiza o Entroido en colaboración coa Asociación de Mulleres Águeda.

0.17164707183838