Rábade fará o concurso e a festa de disfraces de Entroido en dúas sesións

LugoXa | TerraChaXa
O desfile será o día 17 de febreiro na Prazuela pero a xornada anterior terá lugar unha celebración infantil no Centro Sociocultural
entroido-rabade-2026
1 Feb 2026

O Concello de Rábade vén de facer públicas as bases do seu tradicional concurso e desfile de disfraces, que se vai celebrar en dúas sesións, o luns 16 haberá unha festa para nenos e o martes 17 de febreiro será o concurso a partir das 17:00 horas na Prazuela.

Establece dúas categorías, comparsas (adultos e infantís) e parellas ou individuais (adultos e infantís).

A participación queda aberta a todas as asociacións, colexios, persoas e colectivos que o desexen. A inscrición dos participantes farase o mesmo día dende ás 16:00 horas ata as 16:45 horas, achegando o nome do disfrace ou comparsa, nome, apelidos e DNI.

Considérase comparsa aquelas nas que participen un mínimo de tres persoas maiores, todas elas, de 17 anos en adiante ou aquelas comparsas que non reúnan os requisitos para entrar na categoría de infantís.

Os premios en todas as categorías de adultos, agás comparsas, serán de 100 euros para o gañador e o segundo recibirá 80. As comparsas serán premiadas con 350, 250 e 100 euros.

Na infantil, en comparsas repartiranse 150, 100 e 60 euros, mentres que no resto serán 80, 60 e 40.

A entrega de premios terá lugar o mesmo día da celebración do concurso unha vez rematado o fallo do xurado, que tamén poderá conceder dous accésit de 50 euros.

O concurso de disfraces estará amenizado por Francis DJ. Ao remate haberá degustación de sobremesas típicas do Entroido.

O día 16 haberá unha festa Infantil a partir das 17:00 horas no Centro Sociocultural de Rábade con música, xogos, merendas para todos e todas e moita diversión.

O Goberno local organiza o Entroido en colaboración coa Asociación de Mulleres Águeda.

Consulta o programa neste enlace

⚙ Configurar cookies
0.16229510307312