Rábade prepara o XVII Memorial Eduardo Fernández Villamarín
O sábado 25 de xaneiro ás 16.30 darase a saída ao XVII Memorial de Atletismo Eduardo Fernández Villamarín, Negrín.
A carreira rabadense terá toda a súa actividade central ao redor da Praza de España, onde a partir das 15.30 horas poderán recollerse os dorsais; ás 16.30 dará comezo a carreira dos máis pequenos e ás 17.30 sairán os corredores da categoría absoluta. Todas rematarán, igualmente, na mesma localización.
A organización lembra que este ano haberá como novidade dous trofeos novos.
Ademais, para os primeiros participantes da proba absoluta que crucen en primeira posición o sprint intermedio situado ao final da primeira volta e rematen entre os 10 primeiros da clasificación xeral agasallaraselles cun dorsal para a 56 Behobia - San Sebastián, por cortesía de Viajes Almar – JAVO.
Para poder participar é necesario inscribirse antes do 23 de xaneiro na web de championchipnorte.com.
A proba divide aos participantes en 5 categorías, dependendo da súa idade e adaptando os percorridos entre os 80 e os 7.000 metros. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán premio e ademais, haberá un trofeo, denominado tamén Eduardo Fernández Villamarín, que se entregará ao equipo que conte con máis participantes que rematen a carreira.
Eduardo Fernández Villamarín, Negrín, foi un dos fundadores da Sociedade Atlética Rabadense e gran impulsor do deporte na vila e na provincia, e cuxo nome tamén acompaña ao polideportivo municipal.