Rábade sumarase un ano máis a campaña contra a violencia de xénero
O Concello de Rábade súmase como cada ano á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres coa campaña Rábade en negro durante todo o mes de novembro.
Entre outras actividades, o domingo 17 de novembro terá lugar a representación do espectáculo teatral Golpes, ás 17:00 horas no Centro Sociocultural.
A entrada será de balde e vai dirixida ao público xuvenil e adulto. Esta actividade foi subvencionada pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia no marco do Acordo de Colaboración coa Fegamp a través da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.
Golpes é un espectáculo teatral pedagóxico que analiza o impacto da violencia de xénero e tenta concienciar á mocidade e á poboación en xeral na súa prevención. Esta peza da compañía teatral aAntena, dirixida por Xosé Leis e interpretada pola actriz Estíbaliz Veiga denuncia de maneira directa a violencia machista a través da voz de Pamela, unha muller que se namora baixo os postulados do amor romántico e finaliza sendo vítima de violencia. Pamela recibe moitos "Golpes” pero o máis grande foi verse transformada noutra persoa, por iso quere compartir as súas experiencias vitais, para que ningunha muller pase polo mesmo.
Dentro dos actos do propio 25N, o Concello de Rábade convida a participar a toda a poboación na lectura dun manifesto que será o luns 25 de novembro ás 12:00 horas na praza do Concello.