Rábade súmase á campaña “Merca no teu comercio” para impulsar as compras locais

Entre o 15 e o 30 de agosto de 2025, Rábade acollerá unha nova edición da campaña promocional “Merca no teu comercio”, unha iniciativa da Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, que conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Rábade.
A proposta forma parte dun programa que inclúe 40 campañas en toda Galicia —10 por provincia— e máis de 90 localidades participantes. O seu obxectivo é incentivar as vendas nos municipios rurais, reforzar o vínculo dos clientes co comercio de proximidade e dinamizar a actividade do sector. Na provincia de Lugo desenvolveranse 10 accións en 22 localidades, cun reparto total de 10.000 euros en premios ata novembro.
No caso de Rábade, poderán participar todos os clientes que realicen compras nos establecementos minoristas do municipio durante as datas da campaña. Para entrar no sorteo, será necesario rexistrar a compra na web mercanoteucomercio.com/rabade desde un móbil, tableta ou ordenador. Tamén se contempla que os propios comerciantes inscriban a compra dos seus clientes a través da mesma plataforma, o que permitirá duplicar as posibilidades de premio.
O sorteo repartirá un total de 1.000 euros en 20 tarxetas prepago de 50 euros, que deberán destinarse a novas compras nos comercios locais. A extracción dos gañadores realizarase o 1 de setembro e a entrega de premios terá lugar o luns 22 de setembro no Campo da Feira.