Rafael Dueñas gaña o Certame de Pintura Rápida de Rábade

O Centro Sociocultural de Rábade acolleu a entrega de premios do 17º Certame de Pintura Rápida, que contou coa participación de preto de medio cento de artistas chegados de diferentes puntos do país. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Reme González, quen destacou a calidade das obras presentadas e o compromiso de Rábade coa cultura e a arte.
O primeiro premio foi para Rafael Dueñas Carazo, de Avilés, que recibiu 1.200 euros e diploma patrocinado polo Concello de Rábade. O segundo galardón recaeu en Manuel Ángel Serantes Morán, de Ponferrada, cun premio de 800 euros e diploma patrocinado por Finsa. O terceiro premio foi para Cynthia Díaz Menéndez, de Xixón, con 600 euros e diploma patrocinado por Mercontrol Agroalimentaria. O cuarto premio foi para Alfredo Hernández Perdomo, de Lugo, con 500 euros e diploma patrocinado por Sariego.
Ademais, entregáronse tres accésits de 100 euros a Nora Gallego Pascual, de Murcia; Miguel Tierra Rodríguez, de Monforte; e José Reyes Ramos, de Biscaia, recoñecendo así o talento amosado polas súas obras durante a xornada do certame.