Ramón Chao recibirá a distinción de Arraiano Universal a título póstumo

TerraChaXa
O Concello de Entrimo e Arraianos Producións celebran esta fin de semana a VII edición das Xornadas Arraianas, no transcurso das cales se fará entrega dos premios Arraianos 2023.
ramon chao e amigos de prisciliano
5 Ago 2023

O Concello de Entrimo e Arraianos Producións celebran esta fin de semana a VII edición das Xornadas Arraianas, no transcurso das cales se fará entrega dos premios Arraianos 2023. Un recoñecemento honorífico que se concede anualmente desde 2009 a aquelas persoas que destacan polo seu traballo en favor da cultura da “raia” entre Galicia e Portugal.

Este ano a distinción terá acento franco-galaico. O portavoz da organización, o divulgador celanovés Aser Álvarez González, daba a coñecer hai uns días o fallo do xurado no que se acordou o nomeamento de Arraiano Maior 2023 a Antoine Chao Ortega, xornalista e músico. No mesmo acto e a título póstumo recoñecerase como Arraiano Universal ao seu pai, o xornalista e escritor Ramón Chao Rego. Así mesmo, a Asociación Cultural Amigos de Prisciliano, fundada por Ramón e presidida polo xornalista Moncho Paz, recibirá o Premio Colectivo Arraiano.

Ramon e Amigos de Prisciliano, 2013

Antoine Chao (París, 1963) estudou Física na Universidade Paris-Diderot, onde obtivo un Máster en Historia e Filosofía das Ciencias. Fillo do vilalbés Ramón Chao e da científica bilbaína Felisa Ortega, é tamén irmán de Manu Chao, con quen comezou no mundo da música. Antoine foi membro fundador das bandas de punk-rock Chihuahua, Hot Pants, Os Carayos e Man Negra.

En 1995 participou na creación de Frecuencias Efémeras, plataforma de produción radiofónica que promove radios nómades e temporais en festivais musicais independentes. En 2014, foi o artífice da creación sonora de Lle tireur occidental, obra de William Pellier, posta en escena por Michèle Coquet e estreada no teatro Lucernaire de Paris. Así mesmo, encargouse da realización do programa de Daniel Mermet Là-bas se j’e suis en Radio France International, onde traballa actualmente como reporteiro cultural. Tamén destaca como locutor e programador musical de Radio Latina e cada semana presenta o espazo de jazz Cubano-be cubano-bop.

Antoine Chao, Moncho Paz e Amigos de Prisciliano participan no documental O camiño de Ramón Chao. Tras as pegadas de Prisciliano, dirixido por Aser Álvarez González e producido por Arraianos. A presentación desta peza audiovisual tivo lugar o pasado mes de maio, coincidindo co quinto aniversario da morte de Ramón Chao, no Instituto Cervantes de París.

0.23988199234009