Ramón, tiñas razón

TerraChaXa
Este domingo faise unha homenaxe a Ramón Chao coa proxección do documental do mesmo nome e a presentación do libro 'O camiño de Ramón Chao tralas pegadas de Prisciliano'
Ramon-e-Pepe-en-Bastavales-2003
Ramón e Pepe en Bastavales
1 sep 2024

Moncho Paz

Ramón Chao marchou de Vilalba sendo un raparigo, para converterse nunha promesa do piano. Un neno prodixio, ao xeito de Pepito Arriola ou Arturito Pomar. Na capital da Terra Chá deixou atrás aos amigos e tamén aos primeiros amores. E todo pola obsesión do pater familias, con quen axustaría contas coa publicación en 1983 de O lago de Como, a súa primeira novela e a causa principal dos malentendidos que xurdiron na vila. Aquela situación provocou que o autor decidise pasar ao anonimato e regresara de cando en vez, pero de incógnito. Como o día no que apareceu disfrazado, presentándose como un afamado pianista romanés, coa intención de pasar desapercibido. “Só me recoñeceu o can da familia, mentres estaba tomando un café na terraza do bar Fornos”, diría tempo despois.

Vilalba sempre estivo presente na obra de Ramón. Identificada como Reigada en O lago de Como (1983), segue a aparecer en libros posteriores: Un tren de xeo e lume. Mano Negra en Colombia (1994); Un posible Onetti (1994); Prisciliano de Compostela (1999); A paixón de Carolina Otero (2001) e Porque Cuba eres tú (2005), entre outros.

As referencias a Vilalba son constantes: lugares, vivencias e persoas, fundamentalmente do eido familiar, e de xeito especial a figura do pai. Como recoñeceu nunha entrevista en 2010: “Estaba tiranizado por el e sabía que non tiña máis solución que seguir coa música para marchar do pobo. E así foi. O meu pai traballou a miña carreira con xamóns, lacóns e outras viandas que mandaba a Madrid para conseguir enchufes. E eu enganábao. El cría firmemente no que estaba creando”.

No libro dedicado á viaxe colombiana de Mano Negra, a banda dos seus fillos Manu e Antoine, fai referencia á súa avoa Lola, “que marchara cara Cuba, fuxindo do seu home zarapalleiro e borrachón. Púxose de criada na casa de Mario García Kholy e liouse con el”. Tratábase do xefe de policía que chegou a ser ministro dúas veces con Tomás Estrada Palma, o primeiro presidente da illa caribeña, e logo embaixador en España.

A súa avoa reaparece en Porque Cuba eres tú, unha mistura de crónica histórica e ficción, que narra a viaxe de Lola á Habana dende a parroquia vilalbesa de Lanzós. Inicialmente Ramón pensara no título Tú, como a coñecida habanera de Eduardo Sánchez de Fuentes, cuxa letra tivo varias versións; unha delas, asinada con pseudónimo, era precisamente de García Kohly. “En realidade ese home foi o meu avó, segundo me contou un veciño de Vilalba que tamén estivera en Cuba, o pai das Anduriñas. Na miña casa non se podía falar do tema, pero unha vez fixen unha proba; conseguín unha foto súa e amoseilla á miña nai, preguntándolle quen era aquel señor. Ela respostoume que era o meu pai, e eu díxenlle que era o meu avó, xa que o parecido físico era tremendo”, lembraría Ramón anos despois.

En Un posible Onetti, Ramón respira “o cheiro da miña Reigada perdida”, cando visita ao escritor uruguaio na súa casa da Avenida de América, en Madrid; alí é recibido por Dolly, a leal compañeira que fai posíbel que Chao incorpore, mesture e confunda -ao longo dunha entrevista de varias xornadas- parágrafos dos contos e novelas de Juan Carlos Onetti con diálogos literarios. Cando este confesa que non teme á morte, xa que ten a certeza de que os seus personaxes o acompañarán ao chegar ese intre, Ramón afirma categórico: “Eu vouno facer mellor ca ti. Levareinos postos” (fala das tatuaxes que faría despois, unha por cada libro publicado).

Outra vez Vilalba, en pleno camiño de Prisciliano, cando Mario Luis (como se autoidentifica Chao en toda a súa obra) entrevista a Gonzalo Torrente Ballester en Madrid para o xornal Le Monde. E dille ao escritor ferrolán: “A comezos dos anos cincuenta adoitaban ir Cunqueiro e vostede á feira dos capóns de Reigada e hospedábanse no hotel do meu pai, que era o único decente que había no pobo. Por suposto que me refiro ao hotel e mesmo esaxero. Eu era un cativiño e vostedes célebres. Impresionábanme moito”.

Vilalba aparece de novo na novela A paixón de Carolina Otero, na pasaxe na que o autor describe ao Panqué, “un cacique da vila que non variaba nunca, nin de neno nin de maior, a súa merenda de pan con queixo” (de San Simón). E sobre o mesmo personaxe engade que era “extravagante e parviolo” e “un día caeu a súa muller do Fiat Topolino entre Lugo e Vilalba, unha hora de traxecto: el esbardallando e a outra berrando na beira da estrada”.

Ramón Chao promoveu connosco (e co apoio de Ignacio Ramonet, Jean-Claude Carrière e Jacek Wozniak) a reivindicación da memoria de Prisciliano a través dunha iniciativa de ámbito internacional: Amigos de Prisciliano, que xurdiu como colectivo cultural e dez anos despois transformouse en asociación. O mártir de Tréveris aparece representado nunha figura de terracota, obra do escultor mallorquino Eduardo Servera, e pódese contemplar no Mesón de Lázaro, en Compostela.

Sería un bo agasallo de San Ramón que este chairego universal, distinguido Cabaleiro das Artes e das Letras de Francia polo Goberno de François Mitterrand, fose nomeado Fillo Predilecto de Vilalba a título póstumo, pois sempre levou á nosa vila no peito. Tras pechar o seu círculo vital e reconciliarse co pasado, confesoume que as cousas máis importantes na vida son sempre as máis sinxelas. Benquerido Ramón, tiñas razón.

CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE

0.091915845870972