Rapaces de Vilalba aprenden cooperativismo con AGACA e Casa Grande de Xanceda
A SAT Casa Grande de Xanceda recibiu a 38 de escolares de 6º de Primaria do colexio vilalbés Mato Vizoso. Participaron no obradoiro Divulgación do emprendemento e de experiencias cooperativas como modelo de éxito, da Rede Eusumo, para aprender as características do cooperativismo como opción de negocio que pode prosperar no medio rural.
Técnicos de Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) imparten a formación, que destaca como valores positivos nas cooperativas a toma democrática de decisións, a distribución equitativa de beneficios ou a diminución de riscos asociados ao emprendemento.
Como exemplo de entidade que opera con éxito dentro do modelo da economía social, os estudantes visitaron as instalacións da Casa Grande e Xanceda, unha sociedade agraria de transformación que conta cunha das maiores granxas de produción ecolóxica con fábrica de produtos lácteos en Galicia.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Empleo y Seguridad Social.