Raquel Queizás actúa esta semana nos Xoves na Biblio das Pontes
Continúa o programa Xoves na Biblio esta semana co espectáculo Cinema de Historias, de Raquel Queizás.
Este espectáculo, que mestura a narración co teatro e o cinema, pretende divertir e espertar nas nenas e nos nenos o amor polo cine, descubrirlles o poder que teñen as imaxes e o cinema para transmitir historias.
Será Alice Guy, a nai do cinema, a que esperte a súa curiosidade pola orixe da sétima arte. Alice, desde ben pequena, escoitou contos da súa avoa que acordaron nela o amor polos libros. Co paso do tempo chegou a ser unha gran contadora de historias que logo levaría á gran pantalla.
Teremos ocasión de viaxar no tempo para coñecer a súa vida e ver fragmentos das súas primeiras películas . Alice Guy é unha muller fascinante inxustamente esquecida.
Alice Guy foi a primeira persoa en dirixir cine de ficción contando unha historia, ademais foi actriz, guionista, deseñadora de vestiario, cámara, produtora, cómica, maga e moito máis…
A sesión será coma sempre, ás 18.00 horas na Casa Dopeso e de balde. Precisa inscrición previa no teléfono 982 102 562.