Reabre ao tráfico a avenida de Galicia das Pontes tras a súa remodelación

A Avenida de Galicia reabre ao tráfico rodado tras a finalización das obras correspondentes á cuarta fase do proxecto de renovación de pavimentos e servizos, unha actuación que permite culminar a transformación integral dunha das principais vías do municipio.
O proxecto, financiado integramente pola Deputación da Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos), contou cun orzamento de 277.173 euros e permitiu completar a transformación integral da Avenida de Galicia, consolidando o proceso de rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade iniciado nas fases anteriores, nas que tamén se incluíu a renovación da Praza do Hospital.
A actuación permitiu eliminar os desniveis existentes entre a calzada e as beirarrúas, mellorando a accesibilidade e facilitando a mobilidade peonil. Ademais, renovouse o sistema de iluminación pública coa instalación de novos farois e captafaros LED nos pasos de peóns, reforzando a seguridade viaria.
Os traballos incluíron tamén a separación da rede de drenaxe de augas pluviais da rede de saneamento, a renovación do firme da calzada e das beirarrúas con materiais máis estéticos e funcionais, así como a substitución das antigas varandas por outras de aceiro inoxidable.
Na zona de rodadura e nos espazos de aparcamento aplicouse formigón bituminoso con acabado decorativo no aglomerado. A intervención completouse coa finalización de parte da balaustrada, a instalación de novo mobiliario urbano —papeleiras, bancos e xardineiras—, a colocación de alcorques para árbores e a reposición da sinalización vertical e horizontal.
Con esta actuación, a Avenida de Galicia preséntase agora como un espazo urbano máis accesible, seguro e moderno, que mellora a mobilidade, a seguridade viaria e a calidade do espazo público para o conxunto da veciñanza.