Reabre ao tráfico a estrada de Pontello dos Lobos, en Castro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
Reabre ao tráfico a estrada de Pontello dos Lobos, en Castro de Rei, na que colapsou a ponte polas fortes choivas do pasado temporal,
REABRE A PONTELLA DOS LOBOS CASTRO
25 Abr 2023

A Deputación de Lugo vén de reabrir ao tráfico a estrada LU-P-1706, que une Castro de Rei e Cospeito á altura da ponte de Pontello dos Lobos, despois dos graves danos ocasionados na vía polas inclemencias meteorolóxicas durante o pasado temporal. A institución provincial actuou coa máxima axilidade posible para resolver os danos acometidos na propia ponte, que colapsou polas fortes choivas, e o acondicionamento no resto da estrada.

As obras, cun investimento de 314.000€, consistiron na demolición da estrutura danada, colocación no novo marco prefabricado de formigón e o recheo e instalación dos muros de contención do terraplén. Os traballos remataron co estendido do aglomerado o que permite xa a circulación do tráfico rodado. Nos vindeiros días procederase ao pintado do firme con marcas reflexivas brancas, quedando a vía totalmente renovada para o uso dos veciños e veciñas.

A maiores, a Deputación destinou un investimento de 164.000€, para o asfalto con aglomerado en quente dun treito da estrada de 1,3 quilómetros ao seu paso por Castro de Rei, en concreto, entre os puntos quilométricos 7,3 e 8,6. Ademais, á altura do concello de Cospeito procedeuse ao bacheo de varios tramos. Por último, nos vindeiros días procederase ao pintado no firme con marcas reflexivas brancas, quedando totalmente renovada para os veciños e veciñas.

0.15255808830261