Reabre o balneario de Guitiriz nun acto no que se puxo de relevo o pasado termal da vila

TerraChaXa
Autoridades, entre elas o presidente da Xunta, asistiron este mércores ao acto de inauguración do Iberik Gran Balneario de Guitiriz.
reapertura e inauguracion do balneario de guitiriz
22 Xuño 2023

Numerosas autoridades, entre elas o presidente da Xunta, asistiron este mércores ao acto de inauguración do Iberik Gran Balneario de Guitiriz.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira destacou o “desenvolvemento económico” que suporá este proxecto para o municipio.

A rexedora puxo en valor a colaboración entre administración que permitiu que este proxecto se fixese realidade “grazas aos fondos europeos canalizados polo Goberno central que permiten que se leven a cabo no rural proxectos como este, que asentan poboación e xeran postos de traballo”. “Loitarei para que calquera outra empresa de Guitiriz poida recibir este tipo de axudas”, engadiu.

“Quero agradecer a presencia do novo delegado do Goberno, Pedro Blanco, no seu primeiro acto público no cargo e tamén ao compañeiro, e anterior delegado, José Ramón Gómez Besteiro, que loitou e traballou para que este proxecto sexa hoxe unha realidade”, salientou Marisol Morandeira.

“O grupo de empresas que encabeza esta iniciativa tivo a valentía de facerse cargo da situación na que estaba o balneario e creron en nós, no noso concello, para levalo a cabo”, explicou Morandeira. “Como saben desde o primeiro momento, téñenme ao seu carón para todo o que necesiten”, afirmou.

ALFONSO RUEDA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o turismo termal de “calidade e diferencial” que ofrece Galicia sitúa a comunidade como referente neste eido ao concentrar o 20% da oferta de establecementos termais de toda España e chegar aos 150.0000 visitantes durante o 2022.

O mandatario autonómico celebrou a aposta polo patrimonio termal de Galicia como un valor seguro, tendo en conta que as calidades das augas termais galegas son recoñecidas desde hai séculos e que, hoxe en día, Galicia é a primeira potencia termal en España e a segunda de Europa. Asegurou que, grazas á iniciativa privada e co apoio da Administración autonómica, hoxe os balnearios galegos “representan o 20 % de toda a oferta termal en España”, un abano dispoñible para un visitante que rexeita o turismo masificado e busca calidade e saúde.

Rueda destacou que “todas as administracións” colaborasen na recuperación da actividade neste balneario de Guitiriz. O presidente explicou que a remodelación do inmoble supuxo un investimento de máis dun millón de euros. “Procedentes de Europa, depositados no Ministerio de Hacienda e canalizados a través do Igape”, explicou.

0.18741202354431