Reabre o Museo Etnográfico Monte Caxado no seu horario habitual

O Museo Etnográfico Monte Caxado retomou a súa actividade habitual desde este xoves, 15 de xaneiro. A reapertura permitirá de novo ao público visitar as instalacións e coñecer de preto o patrimonio etnográfico que conserva este espazo cultural.
O museo abrirá de martes a venres en horario de tarde, de 18.00 a 19.30 horas, mentres que os sábados, domingos e días festivos poderá visitarse pola mañá, entre as 11.30 e as 13.00 horas. Os luns continuará pechado.
Desde a organización animan á veciñanza e ás persoas interesadas a achegarse ao Museo Etnográfico Monte Caxado e a desfrutar da súa colección, que constitúe unha parte fundamental da memoria e da identidade cultural da zona.
O Museo Etnográfico Monte Caxado naceu en 1985 no Colexio Público Monte Caxado por iniciativa do mestre José María López Ferro, nun momento no que moito do patrimonio material e inmaterial das aldeas da contorna estaba en risco de desaparecer.
Catro décadas despois, o museo conta cun fondo que supera os 5.000 obxectos, 4.000 fotografías antigas e 4.000 documentos, converténdose nun verdadeiro arquivo da memoria local. Desde 2015, a súa continuidade está garantida a través da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, recoñecida como entidade de interese cultural e galego pola Xunta de Galicia.
Un convenio asinado coa Deputación da Coruña permitirá financiar dúas grandes liñas de actuación na celebración do seu 40 aniversario. A primeira delas é a edición dunha publicación especial conmemorativa do 40 aniversario, que recollerá a historia, evolución e impacto do museo ao longo destas catro décadas. O volume, realizado por José María López Ferro e cun prólogo do museólogo Felipe Senén, editarase cunha tirada de 3.000 exemplares e integrarase na colección Cadernos do MEMC, consolidada como referente na divulgación da memoria etnográfica da comarca.
A segunda actuación céntrase na edición, conservación e difusión do fondo audiovisual do museo, composto por gravacións en formato VHS das décadas de 1980 e 1990 doadas pola veciñanza. Este material documenta festas, feiras, actos culturais, eventos institucionais e a vida social das Pontes durante un período clave da súa historia recente. O proxecto inclúe a edición e mellora técnica dos vídeos, a súa catalogación e a publicación progresiva nunha canle aberta, co obxectivo de garantir o acceso público e a conservación a longo prazo deste patrimonio audiovisual.