Reabre o prazo de inscrición para o II Mercado de Segunda Man Vintalba

TerraChaXa
O prazo permanecerá aberto ata que se complete o aforo máximo do evento, establecido nas bases en 18 postos de venda
presentacion-vintalba
24 Jun 2025

O Concello de Vilalba anunciou a reapertura do prazo de inscrición para o II Mercado de Segunda Man Vintalba, que se celebrará o vindeiro domingo 6 de xullo na Praza de Santa María. Esta ampliación débese a baixas de última hora entre os participantes xa inscritos, o que permite dispoñer de novas prazas para vendedores e vendedoras interesados/as en participar.

Esta nova oportunidade está dirixida a persoas maiores de idade e a asociacións sen ánimo de lucro que conten cun mínimo de 20 produtos para poñer á venda. A inscrición debe realizarse cubrindo o formulario dispoñible na páxina web do Concello (www.vilalba.gal) e enviándoo ao enderezo electrónico feiras@vilalba.es.

O prazo permanecerá aberto ata que se complete o aforo máximo do evento, establecido nas bases en 18 postos de venda. O obxectivo do mercado é fomentar a reutilización, a economía circular e dar visibilidade ás iniciativas locais e cidadás.

Desde a organización lembran a importancia desta cita co consumo responsable e animan a participar nunha xornada que se prevé dinámica, participativa e con gran afluencia de público, consolidando así o Vintalba como unha referencia no calendario de feiras da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.16926598548889