Realizan labores de conservación fluvial en los ríos Eume e Chamoselo

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en preto de 1,5 quilómetros nos ríos Eume e Chamoselo, no concello das Pontes de García Rodríguez.
En concreto, as tarefas desenvolveranse en preto dun quilómetro do río Eume ao seu paso polo lugar da Ribeira Nova e duns 500 metros do río Chamoselo nas contornas de Adá, Os Loureiros e A Casanova.
Os traballos consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e realizaranse coa aplicación de motoserras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor. Esta actuación, xa comunicada ao concello, prolongarase durante arredor de seis semanas.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.