Realízanse tarefas de desinfección na residencia de maiores de Ribadeo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Estes días realízanse tarefas de desinfección interior e exterior na nova residencia de maiores e no hospital asilo.
Placas   arquetas Muras 4
2 Abr 2020

Estes días realízanse tarefas de desinfección interior e exterior na nova residencia de maiores e no hospital asilo. Trátase de medidas de prevención e de precaución fronte ao coronavirus, segundo explicou hoxe o alcalde, Fernando Suárez. O rexedor lembra que estas medidas se suman ás restricións nas visitas desde o pasado 12 de marzo, ás chamadas e vídeo chamadas para que os residentes estean en contacto coas súas familias e ao reparto de material de protección para as traballadoras e traballadores destes centros.

Suárez Barcia contou que “no día de hoxe se está procedendo á desinfección exhaustiva, tanto interior como exterior, das dúas residencias de maiores de Ribadeo, con produtos sanitarios que están autorizados polo Ministerio de Sanidade, cun protocolo de actuación de arriba para abaixo, de dentro cara a fora e de zonas sucias cara zonas limpas”.

O alcalde sinalou que “en total van ser catro xornadas de traballo, entre esta semana e a que ven, e quixemos facer isto de forma preventiva por precaución ao ser estas residencias de maiores un dos puntos máis febles nesta pandemia que estamos sufrindo ao longo e ancho da xeografía galega, do Estado e do mundo en xeral”.

O rexedor indicou que “está contratada a empresa pública Tragsa para a limpeza das dúas residencias. No caso da residencia nova está correndo cos gastos a Deputación de Lugo e no hospital asilo está correndo cos gastos o Concello de Ribadeo”.

Fernando Suárez lembrou que “isto vense sumar ás medidas previas que se foron adoptando nas dúas residencias de controis e de restricións xa a principios de marzo, hai que lembrar que se chegou a prohibir a entrada a visitas de familiares a estes centros xa o 12 de marzo. Con todo, desde aquela fomos implantando medidas para seguir mantendo o contacto con chamadas telefónicas, e especialmente as vídeo chamadas, para que os avós non perdan o contacto cos seus”.

E engadiu que “isto tamén ven complementar o que desde o Concello levamos días facendo co persoal municipal no sentido de reforzar a desinfección dos exteriores dos edificios sensibles como pode ser o centro de saúde ou estas residencias de maiores, así como ir subministrando a medida que imos recibindo os diferentes equipos de protección individual para as traballadoras e os traballadores destes centros. Polo que a día de hoxe, co traballo colectivo de todos e todas, poidamos asegurar o mellor posible a protección dos nosos maiores, a protección desta xente que o merece todo”.

0.10489988327026