Reanudan en setembro o roteiro de Avelino Díaz

TerraChaXa | AMariñaXa
Trala pausa do ano pasado, recupérase o Roteiro Avelino Díaz, que chega á súa sétima edición e que terá lugar a fin de semana do 4 e 5.
roteiro avelino diaz
27 Ago 2021

Trala pausa do ano pasado, recupérase o Roteiro Avelino Díaz, que chega á súa sétima edición, que terá lugar a fin de semana do 4 e 5 de setembro e que se celebra sempre ao rematar as festas patronais de Meira.

Ademais da ruta, haberá diferentes actuacións musicais. Así, as celebracións comezarán o sábado 4 de setembro, ás 20.00 horas na praza do Concello de Meira, coa actuación do grupo tradicional Cántigas e Frores, que será no pavillón se o tempo non acompaña.

Esta actuación está encadrada dentro do programa Musiqueando pola provincia de Lugo da Deputación provincial.

O roteiro terá lugar o día 5 con saída ás 11.00 horas desde a praza do Concello de Meira e chegada ás 14.00 horas á casa natal de poeta na Órrea.

O Roteiro Avelino Díaz foi concibido coa idea de rememorar o camiño que Avelino e a súa familia realizaron desde o lugar da Travesa, na Órrea –onde naceu– ata A Pena, en Meira –onde viviu durante a súa adolescencia e primeira xuventude–.

Este ano non haberá almorzo pero si se repartirá un refrixerio gratuíto ao final do percorrido, ademais de facilitar a volta a Meira a quen o precise.

Nun punto do camiño inaugurarase un novo chanto dedicado a Avelino, obra do escultor de Meira Manolo Pardo.

Os interesados en inscribirse poden facelo no whastapp 636 721 008 antes do 3 de setembro enviando o seu nome completo.

A Asociación Cultural Avelino Díaz persegue que ao autor se lle dedique un Día das Letras, precisamente porque esa sería a única maneira de poder rescatar os 851 poemas que permanecen inéditos ou sen localizar, ademais da súa obra xornalística ou dramática.

Recentemente, a asociación sinalizou dúas novas rutas en Meira, especialmente dirixidos aos escolares, co obxectivo de fomentar as visitas dos centros educativos á localidade. Así mesmo, renovouse a sinalización cun total de 20 indicadores, financiados pola Deputación.

setimo roteiro avelino diaz
0.10416579246521