Reanúdanse as obras de mellora do firme da N-642
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana retomou hoxe as obras de rehabilitación estrutural do firme na estrada N-642, para mellorar as comunicacións na comarca da Mariña.
Isabel Rodríguez lembrou que esta actuación súmase ás outras xa realizadas polo Goberno que, desde 2018, leva investidos case 3,5 millóns de euros para mellorar o estado do firme dunha vía que experimentara un grave deterioro nos anos anteriores co conseguinte perigo para a circulación rodada por esta vía que vertebra a Mariña.
A subdelegada lembrou que a rehabilitación estrutural do firme que está en execución supón un investimento de case 2 millóns de euros e as obras afectan a varios treitos da vía, que discorre polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela e Cervo. Concretamente, o proxecto de mellora execútase en algo máis de 20 kilómetros da estrada, entre os pp.kk. 26+950 ao 28+800 e do 36+500 ao 55+000.
Estas obras de mellora da N-642, que está a executar a Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, consisten na substitución do firme actual por unha capa de rodadura de alta adherencia. As obras comezaron en 2019, contan con un presuposto de 1,966.484 euros, e está previsto que rematen no mes de xuño.
O Ministerio de Transportes decidiu acometer este proxecto de rehabilitación integral do firme na N-642 para mellorar as comunicacións e a seguridade viaria na Mariña Oriental, dado o grave deterioro que sufriu esta vía nos últimos anos. De feito, o Goberno xa realizou dúas reparacións urxentes desde 2018, coa realización obras de emerxencia para mellorar o firme en distintos treitos da vía, proxectos nos que o Goberno investiu 1.523.866 euros.