Recepción oficial no concello a Malena Mieres
O Concello das Pontes ofreceu, hoxe, unha recepción oficial á deportista local Malena Mieres García tras proclamarse campiona de Europa coa selección española feminina de fútbol sub 19.
Durante o acto institucional, a alcaldesa en funcións, Montserrat García, felicitou á xogadora, canteirá do C.D As Pontes, ex xogadora do Friol e, actualmente, gardameta no Real Club Deportivo de La Coruña e subliñou a importancia que a súa figura ten para o deporte local pero sobre todo para o deporte feminino, “axudando á súa visibilización, rompendo cos estereotipos e demostrando que non hai deportes para nenos e disciplinas para nenas. Malena amósanos que o deporte é para todos e que o éxito e os recoñecementos acádanse con traballo e determinación”.
Pola súa banda, o edil de Deporte e Xuventude, Jesús Tembrás, sumouse ás palabras de García, e animou a Malena Mieres García a continuar coa súa liña de traballo e a súa paixón polo fútbol para seguir acadando moitos éxitos e levar o deporte pontés e o nome das Pontes por todo o mundo.
A xogadora, durante a súa quenda de palabra, quixo darlle as grazas a todas aquelas persoas que a animaron a perseguir os seus soños, especialmente a súa familia, amigos e membros do C.D As Pontes que fixeron posible sumar un ouro europeo máis o palmarés deportivo do municipio.