Reciben no Concello das Pontes aos deportistas Adair Legaspi e Bernardo Gonçalves
O Concello das Pontes ofreceu, na tarde de onte, unha recepción oficial aos deportistas ponteses Adair Legaspi Bellas e Bernardo Gonçalves Oliveira.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado de Elena López, concelleira de Turismo e Deporte, Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura e Xuventude e Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, felicitaba a Adair Legaspi e a Bernardo Gonçalves, que acudiron á cita acompañados das súas familias e tamén compañeiros e compañeiras dos seus clubs.
O rexedor local, durante a recepción, destacou o mérito que teñen ámbolos dous deportistas, xa que comentaba que agás algúns equipos que recibiran o recoñecemento do Concello de xeito colectivo, eran moi poucos deportistas os que pasaran polo salón municipal de plenos a título individual.
O ximnasta Bernardo Gonçalves Oliveira, do Club Danigal Rítmica As Pontes é campión galego de Base na categoría Benxamín masculino, conseguido así o pase o campionato nacional que se celebrará en Valencia o próximo mes de abril.
Pola súa banda, Adair Legaspi, xogadora do equipo pontés Lago DVSport, formou parte da Selección Galega Sub-12 de fútbol sala feminino, que se proclamou subcampioa de España de seleccións autonómicas, sendo a futbolista pontesa das máis destacadas do combinado galego.
González Formoso tamén subliñou a importancia e a responsabilidade que supón para Bernardo e Adair representar ao concello das Pontes nos campionatos autonómicos e nacionais que lles tocou disputar, e dáballes os parabéns polo gran traballo que fan ao compatibilizar os seus estudos coa actividade deportiva que desempeñan. Aproveitou tamén a ocasión para felicitar ás familias e aos clubs polo seu esforzo xa que sen a súa dedicación tanto na educación como na formación destes rapaces, non sería posible acadar estes éxitos deportivos.
Tanto Bernardo como Adair recibiron por parte do Concello das Pontes un trofeo conmemorativo polos seus éxitos deportivos, e un vale para material deportivo. Durante a súa entrega, o alcalde das Pontes lembraba, case a xeito de anécdota, que Adair Legaspi pode proclamarse subcampioa de España en dúas disciplinas deportivas diferentes, xa que forma parte tamén da selección autonómica de baloncesto na súa categoría.