Reclaman ao Concello de Guitiriz que aborde a modificación da RPT polas traballadoras do SAF

TerraChaXa
"Ás portas dun novo 8 de Marzo, no Concello de Guitiriz o 42% das súas traballadoras viven na precariedade salarial cunhas retribucións que só superan o SMI grazas a que cobran antigüidade.
8 Mar 2024

"Ás portas dun novo 8 de Marzo, no Concello de Guitiriz o 42% das súas traballadoras viven na precariedade salarial cunhas retribucións que só superan o SMI grazas a que cobran antigüidade. Trátase das 39 compañeiras que prestan o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de limpeza, que sofren unha desigualdade salarial con respecto a traballadores municipais que ocupan postos de peón que, sendo da mesma categoría profesional, teñen soldos anuais até 7.000 euros superiores", así o aseguran desde a CIG nun comunicado.

Subliñan que levan tempo reclamándolle ao Goberno local a necesidade de abordar unha revalorización de salarios "que atinxa esta discriminación salarial", mediante unha modificación da Relación de Postos de Traballo "para mellorar as condicións do persoal que ten as súas retribucións establecidas no SMI e evitar outras distorsións salariais que existen na actualidade".

Nesta situación de precariedade, subliña o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, "atópase unha porcentaxe moi ampla do cadro de persoal, sendo todas mulleres". Por iso, critica que malia as peticións reiteradas da CIG, "o Goberno local nunca abordou este cambio, a pesar de formular de forma continuada a modificación da RPT, mais sempre de forma unilateral e ao interese do propio Concello".

"Á fenda salarial hai que sumarlle que, no caso do SAF, as traballadoras teñen que utilizar o seu vehículo propio para realizar o servizo, co gasto que isto lles carrexa. Para máis abundar, o salario do persoal do SAF é inferior ao establecido polas táboas salariais do convenio colectivo sectorial". Neto subliña o incoherente que resulta que unha administración "que se supón que defende e garante a igualdade sexa a que aplique unha retribución salarial inferior á marcada no sector privado".

Por todo isto, a CIG vén de dirixirse novamente ao Concello para que, dunha vez, aborde e corrixa estas discriminacións e critica a hipocrisía da alcaldesa, Marisol Morandeira, que amosa uno desinterese total por mellorar as condicións das súas propias traballadoras, mentres anuncia xornadas feministas e reivindica a igualdade dende o seu posto como deputada da área de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo.

Stop precariedade

Precisamente, a Secretaría das Mulleres da CIG desenvolve este ano a campaña con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, baixo o lema Stop precariedade. Traballo digno e igualdade.

"Unha campaña para denunciar que, lonxe de acurtarse, a fenda salarial de xénero aínda se agravou dende a última reforma laboral; que os traballos temporais e parciais seguen sendo desempeñados maioritariamente por mulleres; e que os plans de igualdade aínda non están sendo a ferramenta útil para conseguir a igualdade e deter os abusos que se cometen coas traballadoras", din.

0.14340591430664