Reclaman no Parlamento que se garanta o transporte escolar ao alumnado de Baamonde

TerraChaXa
O BNG reclamou á Xunta de Galiza que se garanta o dereito do alumnado da localidade de Baamonde ao servizo de transporte escolar.
colexio baamonde protesta cirios
18 sep 2021

O Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista levarán ante o Parlamento a situación do transporte escolar en Baamonde.

A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, reclamou á Xunta de Galiza no Parlamento galego que se garanta o dereito do alumnado da localidade de Baamonde ao servizo de transporte escolar.

Olalla Rodil explicou que “nunca antes un alcalde decidira o peche dun centro de ensino, e por riba, co benepácito da Xunta” tras o peche do centro de ensino de Baamonde por parte da Xunta de Galiza e co acordo e coveniencia da alcaldía do concello de Begonte. Agora o alumnado deste centro desenvolve a súa actividade académica no centro de ensino de Parga.

Froito desta situación, a Xunta de Galiza está denegando o transporte escolar a estes cativos cando existen outros ex-alumnos deste centro, que tamén están a ir a Parga, os que sí teñen este servizo “o alumnado de Pígara que eran membros do centro de Baamonde, sí están tendo o servizo de transporte, é encandaloso que o alumnado de Baamonde sofra esta discriminación por parte da Xunta de Galiza” sinalou Olalla Rodil.

Neste senso, Olalla Rodil subliñou que “esta é a política de demolición do rural do Partido Popular, está a deixar o noso rural sen servizos”. No caso do concello de Begonte, a deputada sinalou “pechan o centro de ensino, despois nin a Xunta nin o goberno municipal foron capaces de frear o peche da oficina bancaria, o Partido Popular denigra os servizos no rural deste País”.

PSOE

Pola súa banda, os socialistas rexistraron unha batería de iniciativas parlamentarias para demandar ao Goberno de Feijóo permitir que o alumnado de Baamonde que se escolarizou no CEIP Santo Estevo de Parga en Guitiriz, faga uso do transporte escolar xa existente e que no seu percorrido pasa por Baamonde.

Así o anunciou hoxe a Secretaria Provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero e o Voceiro de Educación e Deputado Autonómico, Luís Álvarez  en Baamonde onde mantiveron unha xuntanza coas familias afectadas por esta problemática, e onde avanzaron as propostas que o Grupo Parlamentario Socialista defenderá no Parlamento de Galicia en defensa dos seus intereses.

Patricia Otero criticou “a situación inaceptable de abandono e presións que están sufrindo as familias que matricularon aos seus fillos en Parga, tralo peche do colexio do CEIP Baamonde e que non poden utilizar o autobús escolar”.

Luís Álvarez explicou que “o CEIP de Baamonde foi pechado e o seu alumnado trasladado ao  CEIP Virxe do Corpiño, ofertando como é obrigado o servizo de transporte e  comedor escolar. Pero hai un colectivo de nais e pais de alumnos que optaron por  matricular aos seus fillos no CEIP Santo Estevo de Parga no concello de Guitiriz, situado a 9 quilómetros de Baamonde, distancia practicamente idéntica á  existente a Begonte”.

Tal e como sinala a propia normativa “sabemos que o alumnado que se escolariza en centros que non lle corresponden, segundo a distribución das áreas de influencia, non ten dereito a ningún dos servizos complementarios establecidos pola consellaría de Educación”. E puntualiza “que por Baamonde circula unha liña de transporte escolar para o alumnado da parroquia de Pígara, que pertence ao concello de Guitiriz, ao CEIP Santo Estevo de Parga. O alumnado desta parroquia viña asistindo, dada a súa proximidade ao CEIP de Baamonde. pero a Xunta de Galicia, na súa magnanimidade, garántelles este curso o transporte a calquera dos centros de Guitiriz ou Begonte”.

Por iso advirte “que unha mínima parte desa magnanimidade sería suficiente para permitir que o alumnado de Baamonde matriculado en Parga puidese facer uso dese transporte, dado que non se trata de ofertar un novo servizo nin supón ningún incremento de custo, senón de utilizar o mesmo autobús escolar”, remarca Luís Álvarez.

 

0.089270114898682