Recollen firmas contra o proxecto de reforma da praza da catedral de Mondoñedo
Veciños do concello de Mondoñedo veñen de abrir un proceso de recollida de firmas virtual en contra das obras de reforma da praza da Catedral de Mondoñedo, que foi dado a coñecer estes días polo Concello.
Segundo indican nesta protesta, o proxecto non foi sometido "previamente de maneira formal e coa publicidade axeitada á consideración da veciñanza". Alegan que este proxecto xustifícase para resolver problemas de accesibilidade, saneamento, repavimentación, mellora de iluminación e paseo, pero que a obra prevista "reduce considerablemte os espazos diante da fachada de catedral, ao anchear e avanzar o cantón anexo aos soportais coas escaleiras uns dous metros contra a fachada da catedral e trasladar o muro do lado norte 2'5 metros na mesma dirección, ademais de aumentar a súa altura; alterando de xeito dificilmente reversible a estrutura, fisonomía e usos actuais deste espazo urbano, centro neurálxico e emblemático singular, parte dun Conxunto Histórico-Artístico e Patrimonio da Humanidade dos Camiños a Santiago".
Aseguran tamén que o orzamento previsto, incluída a partida achegada polo Ministerio de Transportes, é "notoriamente insuficiente" polo que será preciso amplialo de xeito que calquera incremento orzamentario na obra "terá que ser asumido polo concello de Mondoñedo".
Os veciños que lideran esta iniciativa de protesta propoñen que, ademais de consultar este tipo de iniciativas con respostas colectivas, "calquera proposta de reforma neste sentido debe considerar a praza no seu conxunto como un ben patrimonial singular e único, lugar de fundación da propia cidade, integrador de todos os seus espazos, cada un coa súa historia. Ten que ser ademais un proxecto humanizador no que converxan a memoria, a historia, o presente e o futuro que pretendemos para Mondoñedo".
Aseguran que falta a previa descrición dos usos previstos a medio e longo prazo no marco dun proxecto global de cidade e que o proxecto que se fixo público non vai, como se afirma, "na dirección de recuperar a fisonomía da praza anterior a 1968 senón que, ao contrario, incide nos defectos da que se realizou naquel entón".
Afirman tamén que a necesidade de resolver problemas como accesibilidade, saneamento, recambio de pavimentación ou mellora de iluminación "poden levarse a cabo sen necesidade de realizar actuacións tan lesivas e cun elevado custo económico".
Conclúen tamén que "se se considerase necesaria unha reforma nun espazo tan simbólico e tan sensible para o funcionamento da cidade como a Praza da Catedral, debe facerse co consenso imprescindible da cidadanía, coas máximas garantías democráticas. Así, non!".