Recomendan non consumir auga da traída en Castro de Rei logo do asolagamento das instalacións de bombeo

LugoXa | TerraChaXa
O Concello activou un servizo de subministración alternativa dirixido aos fogares que dependen exclusivamente da traída municipal
rede-auga-grifo
28 Jan 2025

O Concello de Castro de Rei emitiu un aviso urxente á veciñanza debido ás consecuencias da borrasca Herminia, que provocou o desbordamento dos ríos Azúmara e Miño. Estas inundacións afectaron as instalacións municipais de bombeo de auga, polo que a auga da traída presenta unha elevada turbidez e non é apta para o consumo directo.

Co obxectivo de garantir o acceso á auga potable, o Concello activou un servizo de subministración alternativa dirixido aos fogares que dependen exclusivamente da traída municipal, especialmente nas zonas urbanas do municipio.

A Alcaldía, a través dun bando oficial, expresou as súas desculpas polas molestias ocasionadas e agradeceu a comprensión da cidadanía ante esta situación extraordinaria.

A veciñanza está chamada a extremar as precaucións e a seguir as recomendacións municipais mentres se traballa para restaurar o servizo en condicións óptimas.

0.16158008575439