Récord de inscritos no IV Slalom Concello de Guitiriz

TerraChaXa
Récord de inscritos no ‘IV Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Roteiro da Auga’. A competición iniciarase o sábado ás 15:45 horas
presentacion iv slalom guitiriz
4 Maio 2023

O circuíto do Campo da Feira xa está preparado para acoller este sábado, 6 de maio, o IV Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Roteiro da Auga, organizado conxuntamente coa Escudería Scratch Fene, e que alcanza este ano o récord de persoas inscritas, con 48.

A proba automobilística, de carácter nacional e que corresponde á segunda xornada do Campionato de Galicia de Slalom, foi presentada hoxe na Casa Habanera pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e Édgar Vigo, do comité organizador.

A competición iniciarase o sábado ás 15:45 horas pero o comezo da proba está previsto para as 8:30 horas, momento no que terán lugar as verificacións técnicas. Posteriormente, terá lugar o tradicional briefing cos pilotos e publicarase a listaxe de admitidos para comezar as dúas mangas de adestramentos a partir das 11 horas.  O remate da carreira está previsto para as 20:30 horas e a entrega de premios ás 21:15 horas.

Nesta cuarta edición do Slalom segue afianzándose o trofeo feminino Iberik Gran Balneario de Guitiriz e Golf, dotado con 300 euros de premio e no que participarán 5 pilotas (Laura Rañal, Tamara Pereira, Mariquiña Chao, Lidia del Río e Marta Loureiro). Ademais, hai 19 participantes na Copa de Iniciación para coches sen preparación ata 1.200 cc e 9 inscritos na Copa de Debutantes.

No slalom repartiranse 1.230 euros en premios en total. Ademais, a organización obsequiará aos gañadores de todas as categorías con tortas de millo.

Coas inscricións xa pechadas, hai 48 persoas inscritas. Cabe destacar que participarán pilotos da talla de Manuel Trevín (BMW Compact), Iván Picallo (Citroen Saxo), Rubén Gandoy (Peugeot 206 xr).

Marisol Morandeira agradeceu o traballo da escudería e cualificou a proba como “unha cita xa consolidada no calendario automobilístico galego, que está a ser moi ben recibida polos veciños e veciñas de Guitiriz” e animou “a todas e todos eles, e a xente de fóra, a que veña a gozar dunha xornada de ocio e lecer en Guitiriz”.

Pola súa banda, Édgar Vigo fixo referencia a que “que se chegase ao récord de inscritos deixa claro o potencial da proba, que está totalmente consolidada e que que xa é un evento de referencia”.

0.16935300827026