Recrudécense en Muras as críticas pola falta de médico

TerraChaXa
Desde Muras apostan por un cambio de xestión da sanidade para as zonas rurais
centro-saude-muras-2
Centro de saúde de Muras
25 Maio 2024

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, sumouse de novo ás protestas dos veciños pola “mala atención” que se lles está a dar no centro de saúde. Segundo explican o médico, que ten unha prórroga da súa xubilación vén días soltos sen unha periodicidade clara, polo que os veciños non saben cando vai estar para atendelos.

Como explica o alcalde, os veciños non teñen adonde facer chegar as súas queixas. "Muras ten unha poboación envellecida e moi dispersa, cunha características moi especiais, e non se lle están a prestar os servizos médicos que necesita, o que debería ofrecer un servizo público de saúde", engade.

Unha das queixas da veciñanza é que cando non teñen médico en Muras acoden a Ourol ou a Xermade, concellos veciños, e tampouco os queren atender "porque non teñen cartilla nese centro".

No centro médico de Muras atendía de xeito habitual un médico, un enfermeiro e un administrativo pero debido á situación actual, non se conta con esa atención de xeito continuado “polo que o Concello queda se atención sanitaria a maior parte dos días e cando non vén tampouco avisan con antelación”, di o alcalde.

Xa vai por un ano que esta situación se mantén no tempo en Muras "non parece ir cara unha solución", apunta Requeixo, que culpa á Xunta de mala xestión. "Estas son as políticas do PP de desmantelamento do rural" afirma.

Desde Muras apostan por un cambio de xestión da sanidade para as zonas rurais. "Hai que darlle a volta ao sistema que temos. Con tanta poboación maior, o que pide agora o sistema é que non sexa o enfermo o que vai ao centro de saúde, senón que sexa o médico o que vaia aos domicilios".

0.18756008148193