Recuperan en Ribadeo o miradoiro de aves sobre a ría
O Concello iniciou a recuperación ambiental do miradoiro de aves sobre a ría, que está situado en Reme na parroquia de Ove. O alcalde, Fernando Suárez, indicou que ten case 20 anos e que se foi deteriorando co paso do tempo. O investimento ascende a 24.200 euros.
O rexedor dixo que “nos últimos anos o Concello leva promovido unha serie de actuacións destinadas á recuperación ambiental e posta en valor da Ría de Ribadeo. Actualmente, como socios do proxecto Life Fluvial, onde temos a sorte de traballar con entidades da talla das Universidades de Oviedo, Santiago de Compostela e Lisboa, entre outras, estamos a continuar coa substitución de especies invasoras como o eucalipto por outras autóctonas, propias do noso hábitat, na marxe galega da Ría de Ribadeo”.
Suárez Barcia subliñou que “neste compromiso que seguimos coa protección do medio ambiente e dos espazos naturais, onte comezamos as obras dun proxecto un pouco máis modesto, pero non menos necesario. Estes traballos consisten na recuperación ambiental do miradoiro de aves situado sobre a Ría de Ribadeo en Reme, na parroquia de Ove. Esta infraestrutura, que conta con case 20 anos, foise deteriorando co paso do tempo, ademais de presentar evidentes signos de vandalismo”.
O alcalde ribadense explicou que “a actuación en si consiste no desmonte do actual observatorio e do monólito situado ao seu carón, para posteriormente situar un novo observatorio, aberto á estrada nacional N-642 co fin de tentar evitar os danos vandálicos que presenta o equipamento actual. Por outra banda, eliminaranse 3 pés de eucalipto co fin de mellorar a observación da Ría dende este miradoiro, ademais de eliminar os lixos e vertidos difusos que se encontran polo entorno. Por último, instalaranse elementos de control tanto para os vehículos como para as persoas, para limitar o espazo que podan chegar a ocupar, ademais dun panel informativo acerca das normas de comportamento que se deben gardar neste espazo”.
Fernando Suárez manifestou: “compre destacar que a actual infraestrutura fóra executada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, pero á hora de querer acometer esta actuación encontrámonos con que o terreo sobre o que se sitúa era de titularidade privada, polo que nun primeiro momento tivemos que levar a cabo unha labor de investigación co fin de dar cos actuais propietarios, os cales, finalmente nos cederon os terreos ao Concello, algo indispensable para poder executar estes traballos”.
O rexedor engadiu que “o presuposto dos traballos a realizar é de 24.200 euros, dos que nos subvencionan 20.000, en dúas anualidades A axuda é da Rede Natura, da dirección xeral de Patrimonio Natural da Conselleria de Medio ambiente”.
O vello miradoiro no que se está actuar foi visitado nas últimas horas polo alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Medio Ambiente e Medio Rural, Jorge Díaz e Jesús Mundiña.