Reformarán tres edificios da contorna do centro de saúde de Begonte
O Concello de Begonte prepara un proxecto para rehabilitar e darlle novos usos aos tres antigos edificios do recinto do centro de saúde e que no seu momento formaron parte do complexo do colexio, cuxo edificio principal hoxe funciona como centro sociocultural.
O obxectivo é transformar toda esa zona en dependencias culturais e deportivas, tal e como se fixo co centro sociocultural, unha actuación que na súa maior parte levará a cabo un taller de emprego Cumes de Terra Chá, que Begonte solicitará á Xunta xunto a Rábade e Friol.
Os inmobles, de planta baixa e cunha superficie que rolda os 90 metros cadrados, son de titularidade municipal e o Concello leva anos usándoos como punto de provisión de material ou para gardar diferentes aveños. Agora, o goberno local quere darlles un novo uso, apostando ademais por incrementar os servizos na zona.
Nun deles está previsto habilitar vestiarios e duchas para complementar a oferta da nova pista de pádel, recentemente estreada no mesmo recinto. Outro dos inmobles converterase en aula da natureza, para o que pediu unha subvención da liña de axudas que se concede aos concellos de Rede Natura.
O uso do terceiro edificio definirase unha vez conclúanse as obras da antiga cámara agraria, que están na súa recta final.
O Concello tamén pretende levar a cabo neste recinto, que dispón dunha ampla zona axardinada, un proxecto de mellora de eficiencia enerxética.