Reforzan con vehículos os GES de Friol e Monterroso

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta reforzará o equipamento de emerxencias dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) coa entrega a 13 grupos neste ano de distintos vehículos – 6 furgonetas 4,x4 e 5 camións Bomba Rural Pesada (BRP)- para mellorar a eficacia nas súas intervencións, así como 4 equipos de excarceración e outro material diverso para a atención de emerxencias.
12 Xan 2023

A Xunta reforzará o equipamento de emerxencias dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) coa entrega a 13 grupos neste ano de distintos vehículos – 6 furgonetas 4,x4 e 5 camións Bomba Rural Pesada (BRP)- para mellorar a eficacia nas súas intervencións, así como 4 equipos de excarceración e outro material diverso para a atención de emerxencias. No caso de 2 deles -o grupo con sede en Curtis e o servizo municipal de Terras de Celanova- contarán cun novo vehículo e un equipo de excarceración.

O investimento neste equipamento ascende a máis de 2 millóns de euros, no marco dos máis de 24 millóns de euros destinados pola Xunta nos últimos anos ao reforzo do equipamento destes grupos e dos servizos de Protección Civil dos municipios, pese a tratarse dunha competencia local.

Na provincia de Lugo destaca a furgoneta de servizos varios que recibirá o GES Friol-Palas de Rei con sede en Friol, así como o equipo de excarceración que se cederá ao GES de Monterroso que dá cobertura á zona A Ulloa, Lugo e Chantada.

Entre o material do que se fará entrega neste 2023 inclúense 5 camións tipo Bomba Rural Pesada (BRP) cun custo total de máis de 1,2 millóns de euros, entre eles o cedido ao GES de Curtis. Outro dos beneficiarios na provincia coruñesa será o grupo que cubre a área de Bergantiños con sede en Ponteceso. Pola súa banda, en Ourense reforzarase con estes camións o material do servizo municipal Terras de Celanova e o do GES da subzona do Ribeiro con sede en Ribadavia, e na provincia de Pontevedra corresponderalle ao GES Mos/Redondela.

Estes vehículos dispoñen de tracción integral 4x4 e cunha cisterna de auga de capacidade de 3.500 litros de auga para intervir na extinción dos lumes contribuíndo a reducir a afectación na zona. Ademais, permiten o acceso a todo tipo de zonas, desde terreos urbanos, a estradas secundarias en áreas rurais e pistas forestais ou camiños.

Por outra parte, a Xunta investirá outros 655.759 euros en 6 furgonetas de servizos varios cun custo de 109.203 euros en cada unha delas. Irán destinados , ademais de ao GES Friol-Palas, ao grupo O Sar e Caldas con sede en Padrón; na área ferrolá aos GES de Ferrol-Eume e de Ortegal e Ferrol con sedes en Mugardos e Ortigueira, así como aos de A Veiga-Viana e Viana-Verín na provincia de Ourense.

Por outra parte, investiranse 228.000 euros en 4 equipos de excarceración para tarefas de rescate e actuacións en emerxencias. Xunto co do GES da zona Ulloa-Lugo-Chantada con sede en Monterroso, poderán contar con este material o GES Betanzos-Terras de Melide-Ordes con sede en Curtis, o de Muíños que atende a zona da Baixa Limia, así como ao servizo municipal Terras de Celanova.

Cos novos equipos, valorado en 57.000 euros cada un, os grupos destinatarios contarán co material preciso para atender accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas.
Cómpre lembrar que a Xunta aprobou a finais do pasado decembro a sinatura de dous convenios coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións da Coruña e Lugo para financiar o desenvolvemento dos GES destas provincias. Así, o convenio coa Deputación da Coruña ten unha vixencia de dous anos, mentres que o asinado coa de Lugo é só para este ano.

Deste xeito, ambas deputacións que no exercicio anterior rexeitaran as melloras propostas pola Xunta aceptaron aplicalas neste 2023 cos novos convenios. Así, incrementaranse en 40.000 euros os custos salariais dos efectivos dos GES, pasando de 280.000 a 320.000 euros, co obxecto de adaptalos ao seu custo real actual. Ademais, na provincia da Coruña, tamén se acordou equiparar o financiamento do servizo municipal de Noia ao resto dos GES, pasando de 155.000 a 320.000 euros.

Estas melloras xa se levan aplicando nos grupos da provincia de Ourense grazas ao acordo do ano pasado da Xunta coa Deputación ourensá e a Fegamp para manter o acordo durante catro exercicios, ata 2025. No caso dos GES da provincia de Pontevedra rexeitaran as medidas e o acordo actual vence a finais deste 2023.

O Goberno galego reafirma coas entregas previstas para este ano o seu compromiso coa creación e mantemento dos GES. Nesta liña, nos últimos anos a Xunta realizou un importante esforzo para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias dos municipios cun investimento de máis de 24 millóns de euros para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e os GES.

Pese a tratarse dunha competencia de carácter local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do funcionamento do custo anual dos GES, así como dos consorcios provinciais de bombeiros. No caso das AVPC, o Goberno galego publica dúas ordes anuais coas que apoiar os seus gastos de funcionamento e mellorar o seu equipamento.

0.13299083709717