Regresa á Escola Habanera de Guitiriz a mostra 'Tal como eramos'

TerraChaXa
Trátase dunha exposición impulsada polo Instituto de Estudos Chairegos que repasa a historia de Guitiriz a través de fotografías antigas
tal-como-eramos-guitiriz
12 Feb 2025

A Escola Habanera de Guitiriz acollerá unha nova exposición a partir do venres 21 de febreiro, cando terá lugar a presentación da mostra Tal como eramos, impulsada polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) e na que se repasa a historia de Guitiriz a través de fotografías antigas.

Esta exposición, que cumpre a súa oitava edición, será presentada a partir das 20:00 horas nun acto que contará coa intervención do membro do Iescha Manolo Cachán, quen compartirá anécdotas e dará contexto a moitas das imaxes expostas.

Posteriormente, abrirase un espazo de participación onde o público poderá achegar información ou historias relacionadas coas fotografías.

A mostra é toda unha viaxe ao pasado de Guitiriz, cun percorrido visual pola historia do concello a través dunha coidada selección de fotografías antigas, ofrecendo unha xanela única ao pasado da comarca. Consta de imaxes de todo tipo, capturando momentos cotiáns, paisaxes emblemáticas e retratos de xeracións pasadas que reflicten a evolución social e cultural da zona.

A través destas imaxes, os visitantes poderán revivir recordos, recoñecer rostros e descubrir a riqueza histórica de Guitiriz e a súa contorna. A exposición ten como obxectivo preservar e difundir o patrimonio fotográfico de Guitiriz fomentando o interese pola historia local e fortalecendo a identidade comunitaria.

0.16483998298645