Regresa ás Pontes a Jam Session rockeira o día 23
A Romaría da Fraga porá o punto e final ás festas das Pontes, pero antes de que esta arranque este lugar emblemático da localidade acollerá unha Jam Session moi especial, na que músicos das Pontes reuniranse para tocar xuntos os éxitos de sempre do rock.
Falamos con Javier Ramos, coordinador desta iniciativa.
Explíquenos un pouco que imos ver nesta jam session?
Imos ver máis de 20 músicos das Pontes e arredores, de todos os niveis, tocando versións de todo tipo, principalmente de rock, abarcando moitas décadas e estilos. A xente vai poder escoitar as súas cancións favoritas interpretadas por xente do pobo. Vai haber un bo ambiente e boa música.
Como xurdiu a idea?
Xurdiu sobre o 2016, eu como moitos outros, vivimos fóra pero sempre vimos en Nadal ou ás festas ao pobo e xuntámonos. Moitos de nós tiñamos grupos aquí hai anos pero por diferentes circunstancias: traballo, familia, etc, tivémolo que deixar. Algúns aínda seguen tocando noutros sitios mentres outros non teñen tempo. Sempre falamos de volver tocar ou de volver xuntar o grupo pero é imposible por cuestións de traballo e familia, así que en 2016 ocorréusenos a idea de facer unha Jam no Nadal, xa que moitos dos que están fóra veñen sobre estas datas e é máis fácil xuntarse. Ademais podemos aprender as cancións en casa e ir directos a tocar.
E como foi esta primeira vez?
No Nadal de 2016 fíxose a primeira Jam no Colador e foi un éxito, veu moita xente e pasámonolo moi ben. Desde ese ano seguimos facendo a Jam todo o Nadal no Colador, agás o parón pola pandemia. Os donos sempre nos apoiaron moitísimo e agora os novos donos séguennos arroupando. Desde aquí dámoslles as grazas. En 2017 foi a primeira vez que tocamos nas festas, na antiga praza Vermella, pero non volvemos tocar nas festas ata este ano, así que estamos moi contentos de volver facelo este ano.
Cantos músicos e de que países participarán?
Este ano somos sobre 21 músicos, a maioría do pobo pero moitos vivimos fóra. Eu vivo en Irlanda, outro en Alemaña, e os demais en diferentes sitios de España. Temos un grupo de WhatsApp e cada ano imos engadindo a máis músicos de todos os niveis e idades. Así que se algún músico das Pontes está interesado, que se poña en contacto connosco, a Jam Session é para todo o pobo.
Que tipo de música ou temas tocaranse?
De todo tipo, pero sobre todo rock desde a década dos 70 ata a actual. É unha Jam Session, non ensaios, así que hai fallos, improvisación e moitas risas. A xente poderá escoitar temas de Metallica, Queen, Iron Maiden, AC/DC, Nirvana, Europe, Led Zeppelin e moitos outros artistas.
Nace con afán de continuidade?
Por suposto. É unha oportunidade para xuntarse xente do pobo, pasalo ben e que a veciñanza poda desfrutar tamén. Moitos de nós non temos tempo para tocar nun grupo e a Jam é unha oportunidade de poder facelo en directo con músicos de todos os niveis e idades.
Foi complicado poñer en común a estes artistas?
Si, non é fácil cando somos máis de 20 persoas. O máis difícil é crear a lista de cancións e pelexar con baixas de última hora pero creamos un bo sistema. Primeiro, temos un grupo en WhatsApp onde estamos todos os músicos. Usamos unha folla de cálculo onde cada un pode suxerir temas, logo temos unha columna por instrumento onde os diferentes músicos pódense apuntar para tocar e así ir completando cancións ata ter suficientes para tocar, tamén deixamos varias de reserva para cubrir baixas de última hora. Se sobran cancións, damos prioridade ás que teñan máis músicos para que así non quede ninguén sen tocar e tentamos non repetir cancións dunha Jam a outra, aínda que xa temos un par de “clásicos”.
Hai unha conexión continua para vos coas Pontes malia vivir fóra?
Si, é o pobo onde crecimos e témoslle moito agarimo. Algúns seguen aquí pero moitos viven fóra, pero seguimos vindo de cando en vez. Esta Jam Session xa é sinónimo de reencontros e diversión. Moitos de nós esperamos todo o ano para volver en Nadal e nas festas para tocar xuntos na Jam e gozar cos nosos amigos, familiares e o resto da xente do pobo.