Regresa a Mostra de Teatro Amador con catro representacións consecutivas

O auditorio municipal Cine Alovi acollerá, a partir do sábado, 15 de marzo, a IV Mostra de Teatro Amador; unha iniciativa posta en marcha polo departamento de Cultura do Concello das Pontes coa colaboración das compañías locais Quemaisten Teatro e O Catre Teatro.
Trátase, en palabras da concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, "dunha proposta cultural que ten como obxectivo esencial apoiar ás pequenas compañías de teatro afeccionado, axudar ao sector amador e promover o teatro de base, permitindo ao público asistente gozar e sorprenderse con talento destas compañías e dos seus actores e actrices"
A responsable da área recorda tamén que con esta iniciativa dáselle continuidade ao traballo levado a cabo por Quemaisten Teatro, promotora da mostra, fomentando a expresión artística teatral.
A Mostra de Teatro Amador do Concello das Pontes desenvolverase no auditorio, a partir do sábado 15 de marzo, durante catro fines de semanas consecutivas, ás 20:00 horas.
A primeira cita será coa compañía Damecuerdateatro de Pontedeume e a súa obra A besta da illa; un drama para maiores de 12 anos no que un grupo de oito nenos acaba nunha illa deserta
O sábado 22 de marzo chegará a As Pontes, a obra O xuízo, de Alentía Teatro; un espectáculo que visibiliza a gran contribución que as mulleres fixeron ao longo de séculos á cultura galega propiciando a súa transmisión de xeración en xeración.
A mostra continuará o sábado día 29 de marzo co grupo de Castropol Cioyo Teatro e a súa obra Agua de Celos e rematará o 5 de abril coa obra O galego, a mulata e o negro da Asociación Cultural Cardume, unha obra que podería ser unha reconstrución do noso pasado galaico-caribeño representado en cinco actos nos que diversos galegos, mulatas e negros dan vida a quince personaxes que se desenvolven e transforman segundo van transcorrendo os cambios políticos e sociais en Cuba desde 1886 ata 1990.
As invitacións poderán retirarse na páxina www.aspontes.sacatuentrada.es unha hora antes de cada función na billeteira do auditorio.