Regresa o Mercado das Oportunidades das Pontes a fin de semana
O Mercado de Oportunidades Vila das Pontes (MOVA) regresa a próxima fin de semana, coincidindo coa XXXIV Feira de Fungos e Cogomelo, e repartirá 600 euros en premios, a través de tarxetas rasca, entre as persoas que realicen compras nos distintos establecementos participantes.
Elena López, concelleira de Comercio sinala que “o MOVA é unha excelente oportunidade para que os establecementos comerciais ponteses poidan incrementar a súas vendas e fidelizar á clientela mentres que á veciñanza e ás persoas visitantes doutros municipios se lles ofrece un escaparate para descubrir novos establecementos e gozar de atractivas ofertas comerciais, promovendo o comercio de proximidade e poñendo en valor a atención ao cliente e o servizo personalizado”.
Serán 15 os establecementos que participarán nesta iniciativa, organizada pola Concellería de Turismo, Hostalería, Comercio e Consumo coa colaboración da Asociación de empresarios, comerciantes e hostaleiros Cohempo, a través da que goberno local quere contribuír á dinamización do sector e á promoción das compras no comercio de proximidade para aumentar a súa competitividade.
O Mercado de Oportunidades Vila das Pontes (MOVA), situado na Avenida da Coruña, estará aberto o sábado, en horario de mañá, desde ás 10:00 ás 15:00 horas e, en horario vespertino desde ás 16:30 horas ás 20:30 horas. O domingo, o horario será continuo, desde ás 10:00 horas ata as 19:00 horas
Entre outros, estarán instalados postos de roupa infantil, moda de muller, calzado, complementos, menaxe do fogar, produtos ópticos e papelería que ofrecerán descontos e promocións especiais nos seus produtos.
Desde o Concello das Pontes, a concelleira de Comercio, agradece a implicación, o esforzo e o compromiso, unha vez máis, dos establecementos comerciais das Pontes, que participan nesta iniciativa e o seu respaldo a esta proposta municipal coa que se mostra a importancia do sector na economía local.