Regresan as Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros a próxima semana

O vindeiros 24 e 31 de maio e 7 de xuño regresan as Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros na súa 21 edición. Un programa pensado para dar cabida a todos os públicos e con variedade de temáticas, apostando por seguir aprendendo e compartindo momentos en comunidade.
O sábado 24 de maio, ás 10:30 h, terá lugar o acto de inauguración das xornadas, coa participación da Alcaldía de Xermade, a Asociación Veciñal de Cabreiros e a Universidade de Santiago. No acto tamén se presentará o XII Premio de Investigación Xermade na Historia.
Ás 11:00 h celebrarase o Día das Letras Galegas cunha sesión dedicada ás cantareiras e á poesía popular oral galega, na que intervirá Sofía Riveiro Oliveira. Tamén se presentará o proxecto Cántigas da Ulla, da man de Henrique Neira. Proxectarase o audiovisual Coplas Ulláns. Cántigas da Ulla e se presentará o caderno de campo Ulla oralmente. Para rematar a xornada, o alumnado do CEIP de Xermade representará a obra O valo de Carlos Labraña.
O venres 31 de maio, ás 11:30 h, terá lugar unha charla sobre a doazón de sangue, medula e órganos, impartida por Ana de Santiago Campos, da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). Ás 13:00 h haberá xantar, e ás 17:00 h celebrarase a mesa redonda O relevo xeracional na gandaría no concello de Xermade, coa participación de Andrés Castro, María Castro, Jesús Cabarcos e Miguel Gato. Pechará a xornada Inma Soto Iglesias, educadora ambiental e contadora de historias, ás 18:30 h, coa presentación de Xela, dous contos infantís que buscan educar sobre o coidado do medio.
O sábado 7 de xuño celebrarase a visita a Santiago de Compostela. O autobús sairá ás 9:00 h de Cabreiros. Ás 11:00 h, no Museo do Pobo Galego, terá lugar o acto de entrega das publicacións e traballos realizados nos últimos 20 anos nas xornadas Xornadas Interxeracionais Rurais, aprendendo cos nosos maiores. Despois da entrega, ás 12:30 h, farase unha visita ao museo. Ás 14:00 h será a hora do xantar e, xa pola tarde, ás 16:30 h, haberá unha visita guiada á Cidade da Cultura.
É necesario anotarse para a excursión do día 7, tanto para o autobús como para o xantar. O prazo remata o 31 de maio. Pódese reservar no número 686 104 780.