Reigosa contará coa proxección do documental 'Segadores da Órrea en terras de Castela'

Este sábado, 12 de abril, ás 21:00 horas, o Edificio Mariña Folgueira da Casa Social e Cultural de Reigosa, na Pastoriza, será o escenario da proxección do documental Segadores da Órrea en terras de Castela. Unha historia de heroes, unha peza audiovisual de 50 minutos que xa foi vista por máis de 2.500 persoas.
O documental recolle un feito histórico, social, antropolóxico e cultural, narrado por 31 homes e mulleres que viviron en primeira persoa a experiencia da sega en Castela. Trátase dun emotivo relato colectivo que pon en valor a memoria dunha xeración marcada pola emigración estacional e o duro traballo no campo.
O acto contará coa presenza de representantes dos antigos segadores e atadores procedentes da Órrea e Riotorto, coñecida como a Terra de Miranda. Esta iniciativa conta co apoio da Deputación de Lugo e da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea.
Unha cita co pasado recente que promete emocións e lembranzas, nun recoñecemento a todas aquelas persoas que con esforzo e sacrificio foron parte fundamental da historia da nosa terra.