Reigosa inicia este sábado as Noites de Teatro

TerraChaXa
A primeira delas, chamada 'A Presa', poderá verse ás 21.00 horas
noites-de-teatro-reigosa
12 Sep 2025

A Asociación de Veciños de Reigosa, grazas ao programa de Circuítos Teatrais da Deputación de Lugo, acollerá desde o sábado as Noites de Teatro, que se repartirán cunha sesión mensual, desde setembro ata decembro, a partir das 21.00 horas.

A primeira delas, chamada A Presa, terá lugar o 13 de setembro. Todo transcorre no monte, arredor da aldea de Fontefría, onde unha empresa planea construír unha presa, un encoro. O cartel anunciador do proxecto dá lugar a equívocos. Un veciño interpreta que “presa” refírese a unha presidiaria; outro identifícao cunha presa de caza (un raposo, un cocho bravo...); outro ve na palabra “presa” un sinónimo de puñado, entendendo que se vai trapichear droga; finalmente, posto que no cartel tamén se fala de “liquidez”, hai quen entende que van poñer un banco alí, no monte. A visita do enxeñeiro, un home “de futuro”, que non valora a importancia das tradicións rurais, e da súa secretaria Pepita, ocasionará a rebelión dos veciños. Finalmente, os sucesos cómicos e as confusións derivan nun enfrontamento teórico e práctico entre a vella forma de vida rural de Galicia e a perigosa deriva á que leva a vida moderna.

O 18 de outubro, será a quenda de A viaxe do Señor López, da man de Producións Súper López. O 15 de novembro, Lume Escénico deleitará á localidade coa produción Activos e Ubú Teatro será o encargado de pechar esta iniciativa o 20 de decembros co O vixilante de soños.

⚙ Configurar cookies
0.16260600090027